26 de dec. de 2025

MOBILIDADE

O BNG insta á Xunta a elaborar un novo proxecto de explotación do transporte interurbano no Baixo Miño e o Val Miñor para mellorar a calidade do servizo 

  O Bloque alerta de que a situación é insostible con incumprimentos continuos en frecuencias, rutas e condicións dos autobuses 

  As nacionalistas piden garantías de que se cumpran as condicións dos contratos vixentes mentres non hai unha nova adxudicataria 


Usuarios do servizo interurbano de transporte colectivo viaxando de pé no corredor dun autobús da empresa concesionaria
Foto: BNG

Infogauda / Pontevedra

 O grupo provincial do BNG esixiu hoxe na Deputación que a Xunta elabore un novo proxecto de explotación do transporte interurbano no Baixo Miño e o Val Miñor para mellorar a calidade do servizo á veciñanza. O Bloque alerta de que a situación é insostible con incumprimentos continuos en frecuencias, rutas e estado dos autobuses, polo que piden garantías de que se cumpran as condicións do contrato vixente mentres non haxa unha nova empresa adxudicataria das liñas. 

 A deputada Manuela Rodríguez Pumar defendeu hoxe no Pleno provincial que o goberno galego debe garantir os intereses e necesidades das persoas usuarias do transporte na zona, nunha emenda á moción que saíu adiante. O BNG considera que a actual situación é unha oportunidade para mellorar as condicións do servizo, apostando por un transporte público de calidade e non só por asegurar máis fondos para a futura concesionaria. 

 Segundo subliñou a nacionalista, desde que a UTE Lugove foi a empresa adxudicataria para xestionar o servizo de transporte público interurbano para a comarca do Baixo Miño e Sur da Comarca de Vigo (básicamente Val Miñor), os problemas vinculados á calidade do servizo foron en aumento, xerando unha situación insostible para o conxunto da veciñanza. Malia os grandes anuncios do goberno do PP na Xunta, destacou Rodríguez, o novo plan de transporte público de Galicia non supuxo unha mellora do servizo anterior, e a súa implantación non contribuíu a desenvolver un papel fundamental na mobilidade da poboación, especialmente no rural, que viu minguada a cobertura das súas necesidades básicas. 

 Rodríguez destacou que hai un reiterado incumprimento dos horarios oficiais por parte da empresa concesionaria. A esta situación súmase tamén o problema da sobrecarga de pasaxeiras nos autobuses, que se enchen totalmente nas primeiras paradas, da ida ou da volta, e obriga a que moitas persoas teñan que realizar o percorrido da liña de pé a pesares de que non os vehículos non contan cos elementos homologados para facelo de xeito seguro, ou ben que ‘queden en terra’ nas paradas sen poder acceder ao servizo e tendo que botar man de vehículos privados ou taxis. 

 Por outro lado, a deputada provincial alertou da redución da oferta nos horarios máis concorridos, sobre todo a primeira hora da mañá ou a mediodía, afecta especialmente a quen se despraza ao campus universitario de Vigo (CUVI), a outros centros educativos ou aos hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro. No caso das liñas que nacen ou rematan no Baixo Miño, ademais, sinalou que o tempo de percorrido prolóngase considerablemente, o que denota unha falta de planificación eficiente e unha inadecuada adaptación do servizo ás necesidades reais. 

 “O servizo non responde á demanda existente, está saturado e é ineficiente”, subliña Rodríguez, quen sinala que após de todos estes incumprimentos reiterados por parte da empresa concesionaria, a Xunta subliñou que a rescisión do contrato anunciada para Lugove se fixo de “mutuo acordo”.  

 Para o BNG, o que acontece con este contrato de transporte vén dar a razón aos colectivos de usuarias e ao propio Bloque cando avisaban do desastre que supoñían os proxectos de explotación e o proceso de contratación do Plan de Transporte da Xunta. “Un plan cunhas condicións pensadas para a concesión a grandes empresas foráneas en detrimento das pequenas e medianas da zona que viñan prestando o servizo. 

 E con contratos mal calculados, só perdurables no tempo en base aos incumprimentos permitidos por parte do goberno do PP na Xunta”, destaca Rodríguez. É por iso que o grupo nacionalista considera fundamental que o goberno da Xunta elabore un novo proxecto de explotación “con rigorosidade e calidade técnica, que responda ás necesidades dos usuarios e usuarias, –non aos das empresas concesionarias ou consultoras na materia–, e deseñado para o país, Galiza, coa súa dispersión, coa súa xeo/orografía e, tamén, coas súas estradas”. 

 Alén disto é necesario, destaca o Bloque, que o goberno da Xunta tome as medidas necesarias para non seguir permitindo os incumprimentos da empresa concesionaria no tempo que dure a prestación obrigada do servizo até que entre en vigor o novo contrato. 

 O BNG alerta que todas as deficiencias do servizo de transporte público provocan o desestimento no uso do bus por parte da poboación, que acaba optando polo vehículo privado en detrimento do transporte público. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario