ATLETISMO
Álex Sierpes Pereira bate o récord de España sub18 de 1.500 metros en pista cuberta
Redacción Deportes / A Guarda
O atleta guardés Álex Sierpes Pereira, do Vicky Foods Athletics, vén de bater o récord de España sub18 de 1.500 metros en pista cuberta, ao asinar un rexistro de 03:47.97 nas instalacións de Expourense, pechando o ano cunha actuación histórica.
Este tempo supón, ademais, a segunda mellor marca europea e mundial de pista curta na categoría, só superada polo francés Alois Abraham, quen lle precedeu no pasado Festival Olímpico da Xuventude Europea (FOJE) de Skopje (Macedonia), segundo rexistros de World Athletics.
Con esta marca, Álex Sierpes arrebátalle o récord nacional a Xavi Cabanilles Añó, atleta valenciano do Club ASICS Running, que o establecía o 7 de febreiro, no Palacio Velódromo Lluís Puig cun tempo de 03:48.75.
O atleta baixomiñoto, a pesar de lograr o récord de España e a segunda mellor marca europea e mundial, tamén mellorou o seu propio récord galego, que estaba fixado en 03:52.42, conseguido no Campionato de Portugal, co Sport Lisboa e Benfica, na pista cuberta de Pombal.
A este novo fito súmase a mellor marca española da historia na milla en pista ao aire libre en categoría xuvenil, lograda en Pontevedra cun crono de 04:13.60, obtida o 9 de novembro de 2025 durante a disputa da XII Milla Federada Andenia.
Moitísimas felicidades!

Ningún comentario:
Publicar un comentario