Festival de Panxoliñas
• Domingo, 21 de decembro, ás 17:00 horas, na igrexa parroquial de A Guarda
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Continuando cunha tradición que en boa hora iniciara - e organizou ao longo de moitos anos - a Agrupación Coral Polifónica de A Guarda; este domingo, 21 de decembro, ás 17:00 horas, na igrexa parroquial de Santa María de A Guarda, celebrarase unha nova edición do Festival de Panxoliñas.
Nesta ocasión participarán:
• Coral do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda
• Rondalla Antorcha
• Coro Cantábile
Voces amigas de persoas de todas as idades, achegarannos panxoliñas de onte, de hoxe e de sempre. Porque cantar en tempo de nadal é unha tradición moi arraigada en moitos lugares do planeta que habitamos. E na nosa vila, desde fai décadas, non se entende un nadal sen o Festival de Panxoliñas.
Cancións populares ou de diversos autores, tanto de Galicia como doutros lugares, que teñen en común - maioritariamente - cantarlle ó Neno Xesús.
Panxoliñas na lingua de noso e tamén noutras falas: ibéricas, e por suposto doutras latitudes europeas,....
E quen sabe se no programa non haberá espazo e tempo tamén, para cantigas de nadal de máis lonxanos continentes.
Por todo iso, suxerimos anotar na axenda familiar ou persoal, o Festival de Panxoliñas deste domingo. Un evento cultural que conta co apoio da Deputación de Pontevedra, por medio do programa Culturea; do Concello de A Guarda; e da parroquia de Santa María de A Guarda, respectivamente.

Ningún comentario:
Publicar un comentario