11 de nov. de 2025

TOMIÑO

A XUNTA AUTORIZA A TRANSFERENCIA A PROL DO CONCELLO DE TOMIÑO DUN TREITO DA ESTRADA PO-552, AO PASO POLA PARROQUIA DE GOIÁN 

• O Concello de Tomiño solicitou á Axencia Galega de Infraestruturas o cambio de titularidade deste tramo que ten un marcado carácter local e urbano 

• Trátase dun treito de 1.030 metros de lonxitude, entre a avenida Ordóñez e a glorieta da PO-553, no punto quilométrico 57+740 

• Co cambio de titularidade, ao Concello de Tomiño correspóndenlle todas as actividades de xestión, mantemento e explotación do treito transferido 

 O decreto aprobado hoxe polo Executivo autonómico producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia 


Plano do treito obxecto da transferencia hoxe autorizada
Fonte: X.G.


Infogauda / Tomiño

 O Consello da Xunta autorizou hoxe o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Tomiño dun treito da estrada PO-552, ao paso pola parroquia de Goián. 

 O Concello de Tomiño solicitou á Axencia Galega de Infraestruturas o cambio de titularidade deste treito de 1.030 metros de lonxitude, entre a avenida Ordóñez, no punto quilométrico 56+690 da vía, e a glorieta da PO-553, no punto 57+740. 

 Desde o punto quilométrico 48+490 ao 57+740, a estrada PO-552 ten categoría funcional de rede local. Ademais, entre os puntos 55+860 e 57+200, a estrada discorre por solo clasificado como urbano polo planeamento vixente no Concello de Tomiño, presentando un marcado carácter local e urbano. 

 A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas ten entre as súas funcións a tramitación dos cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma e das entidades provinciais e locais. 

 Co cambio de titularidade, ao Concello de Tomiño correspóndenlle todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación do treito transferido. 

 O decreto aprobado hoxe polo Executivo autonómico producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario