11 de nov. de 2025

O ROSAL

O outono píntase en acuarela no Rosal   

A artista internacional Gemma Marqués impartirá un novo taller dos Obradoiros de Outono o sábado, 22 de novembro, no Muíño das Aceñas  

 Aberto o prazo de inscrición para participar nunha actividade para todos os públicos con prioridade para menores de 30 anos  




Infogauda / O Rosal 

 A natureza convértese en estudo de arte no Rosal. Os Obradoiros de Outono chegan cunha nova proposta que busca ofrecer unha experiencia artística e sensorial cun taller de acuarela da man da recoñecida artista plástica de referencia internacional, Gemma Marqués Redondeo. Unha cita o sábado, 22 de novembro, de 10.00 a 13.00 horas, no Muíño das Aceñas, na que a muralista, docente e xestora cultural de La Casa Taller, ensinará a todas as persoas participantes, o paso a paso do proceso creativo en acuarela.  

 Dirixido a persoas interesadas na pintura, este taller non require formación previa e busca que cada participante poida descubrir novos recursos, trucos e técnicas que lle permitan crear obras persoais e expresiva. O obxectivo é gozar da contorna e da natureza, aprender a pintar en acuarela dun xeito rápido e eficaz e coñecer mellor as cores e o seu uso creativo.  

 A actividade está aberta a toda a veciñanza, aínda que con prioridade as persoas menores de 30 anos, e terá un prezo reducido de 14 euros por participante. As praza son limitadas, polo que as persoas interesadas poden xa formalizar a súa inscrición a través do formulario web habilitado polo Concello. Unha vez realizada a inscrición, o Concello contactará coas persoas interesadas para confirmar a súa participación e recibir información sobre o modo de pago. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que esta proposta “consolida a aposta do Concello por ofrecer actividades de calidade, conectadas coa cultura, coa natureza e coa creación artística como ferramenta de benestar e aprendizaxe para toda a veciñanza”. E, como sinala o concelleiro de Xuventude, Alejandro González, permite facelo “da man de talentos locais de recoñecido prestixio nacional e internacional. Unha oportunidade magnífica para que rosaleiros e rosaleiras poidan explorar novos camiños creativos e descubrir o valor artístico e artesanal da contorna que nos rodea”. 

 Con esta nova cita dos Obradoiros de Outono, o Concello do Rosal continúa ampliando a súa oferta de talleres e actividades estacionais, apostando por propostas que poñen en valor o territorio e fomentan a participación cultural en espazos naturais singulares. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario