10 de nov. de 2025

DEPORTES

ATLETISMO

Nadia Conejo Bascoy, vencedora no XLIII Cros Internacional de Itálica

 Na categoría sub-12 feminina


Podio de Nadia Conejo - no centro do podio - flanqueda por Olivia García e Silvia Navarro
Fotos: Cedidas
Nadia Conejo Bascoy coa súa coroa de loureiro e o trofeo, galardóns acadados por ela no XLIII Cros Internacional de Itálica


Redacción Deportes / A Guarda 

 O Cros Internacional de Itálica, unha das citas máis emblemáticas do campo a través nacional, estreou este ano na súa XLIII edición - que vén de celebrarse nos días 8 e 9 de novembro de 2025 -, varias novidades: unha meta máis próxima ao público; un cros popular mixto nocturno; e a celebración conxunta do Campionato de Andalucía de Clubs. 

 Na proba, celebrada no Circuito do Conxunto Arqueolóxico de Itálica, en Santiponce (Sevilla), a atleta Nadia Conejo Bascoy, de A Guarda, foi a única representante do club Sociedade Atlética do Trega (Tomiño). 

  Nunha carreira que reuniu a 455 participantes (243 mozas e 212 mozos, que correron conxuntamente), e tras completar un percorrido de 1.085 metros, cun tempo oficial de 00:03:36, Nadia Conejo Bascoy, na categoría sub-12 feminina, logrou subirse todo o máis alto do pódium, acadando como galardóns unha coroa de loureiro e o prato típico de Itálica. 

 "Desde o Sociedade Atlética do Trega (Tomiño) estamos moi contentos con este logro e queremos dar moitísimas felicidades a Nadia pola súa gran actuación, que é un exemplo de esforzo e talento", indicaron desde o club. 

 A participación da Sociedade Atlética do Trega (Tomiño) nesta prestixiosa proba reafirma o seu compromiso co fomento do atletismo base do Baixo Miño, impulsando a formación e crecemento de mozos deportistas en competicións de alto nivel.

Ningún comentario:

Publicar un comentario