ATLETISMO
Os irmáns Sierpes Pereira proclámanse campións galegos de 5 km en roteiro 2025
• Os atletas do Vicky Foods Athletics fan triplete de títulos
Redacción Deportes / A Guarda
Esta pasada fin de semana celebrouse no Barco de Valdeorras o Campionato Xunta de Galicia de 5 km en roteiro, correspondente ás categorías absoluta, sub-18, sub-20, sub-23 e máster. O campionato foi organizado polo Adas Cupa, co control das probas a cargo dos xuíces da Federación Galega de Atletismo.
A competición disputouse nunha única carreira para todas as categorías, sobre un circuíto urbano homologado pola Real Federación Española de Atletismo, situado no centro de O Barco de Valdeorras.
Nesa carreira Álex Sierpes Pereira proclamouse campión galego absoluto e tamén na súa respectiva categoría sub-18, cun tempo de 14’52’’, mentres que o seu irmán Christian quedou 5º absoluto e campión galego júnior (sub-20), cun rexistro de 15’38’’, a tan só 8’’ que lle privaron do bronce absoluto.
Os atletas guardeses brillaron unha vez máis a nivel autonómico, traéndose para A Guarda - o seu pobo natal -, tres medallas de ouro.
Con esta nova medalla absoluta, Álex Sierpes Pereira suma as obtidas o ano pasado no 5 km en roteiro celebrado en Carballo (A Coruña), onde logrou a prata, e o bronce na milla en roteiro de Lourenzá, tamén en categoría absoluta.
É todo un orgullo que estes mozos sexan referentes, logrando éxitos destacables para O Baixo Miño e mostrando o camiño ás xeracións máis novas, servíndolles de exemplo de admiración e superación.
Agradécese ao equipo que os formou durante a súa etapa de iniciación, que actualmente aínda forma parte do grupo de adestramento do Atletismo Trega de Tomiño, baixo as directrices dos seus pais Javier Sierpes e Patricia Pereira, adestradores da entidade tomiñesa.
E grazas a Vicky Foods Athletics, Distelgroup, Concello de Tomiño, Concello da Guarda e Concello do Rosal.



Ningún comentario:
Publicar un comentario