7 de nov. de 2025

DEPORTES

 FÚTBOL

1ª Autonómica Grupo 6

O SPORTING GUARDÉS RECIBIRÁ AO C.C.D CHAÍN

 Este domingo, 9 de novembro, ás 16:00 horas, no Campo Municipal A Sangriña




Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Logo do empate (3-3), na xornada 8ª, logrado  na Sangriña, fronte ao Atlántida de Matamá - actual líder provisional da clasificación -, e a contundente vitoria (0-4), rexistrada o pasado domingo día 2 deste mes, no feudo do C.D. Caselas; o Sporting Guardés disponse a recibir ao Centro Cultural Deportivo Chaín. Será este domingo día 9 de novembro, ás 16:00 horas, no Campo Municipal A Sangriña.

 O C.C.D. Chaín, de Gondomar, situado a día de hoxe no posto 6º da táboa clasificatoria, ten 16 puntos, logrados mediante cinco vitorias e un empate. Coñeceu a derrota en dous encontros.

 O Sporting Guardés, situado actualmente no 2º lugar da táboa, ten logrado 20 puntos, como consecuencia de haber logrado 6 vitorias e dous empates. Tamén probou o sabor acre da derrota nunha ocasión.

 No que respecta a goles, o C.C.D. Chaín anotouse 20 goles a favor fronte a 13 en contra, do cal resulta unha diferencia positiva de 7 goles.

 O Sporting Guardés logrou 25 goles e encaixou 12, o que da unha diferencia positiva de 13 goles.

 Eses son os datos de cada equipo. E vistos así, cunha perspectiva temporal curta, dado que tan soio contabilizamos 9 xornadas disputadas, dun total de 34, permítennos prever que o encontro deste domingo no sintético da Sangriña pode ter finalmente calquer resultado.

 Con todo, o cadro de persoal do Sporting Guardés vén ofrecendo un bo desempeño do seu labor futbolístico, o que xunguido ao apoio dos seus afeccionados, incentiva as posibilidades de acadar a vitoria. Mais non hai que confiarse, porque o conxunto do Val Miñor non está disposto a facilitarllo ao equipo que dirixe Antonio  Rodríguez (Toñete)

 Son, que dúbida cabe, as incertezas dun deporte no que a priori nada está decidido. Por conseguinte, haberá que aproveitar cada oportunidade para procurar que o esférico chegue a rede da porta visitante.

 A ver se a climatoloxía o permite, porque o encontro ten moito aliciente, e as respectivas afeccións gozan dunha entretida tarde de fútbol.

Ningún comentario:

Publicar un comentario