13 de out. de 2025

VIGO / PONTEVEDRA

Xornada de folga en Veolia, contrata de mantemento do hospital Nicolás Peña de Vigo 

 Pola súa banda, o persoal deste servizo no Hospital Provincial de Pontevedra continúa cos paros e as protestas para reclamar melloras 


O persoal de Veolia  Servicios Norte, que se encarga do mantemento do Hospital Provincial de Pontevedra continúan cos paros e as protestas en demanda da equiparación das condicións laborais e salariais ás doutras áreas sanitarias

Foto: CIG

Infogauda / Vigo / Pontevedra 

 O persoal do servizo de mantemento do hospital Nicolás Peña de Vigo decidiu convocar unha xornada de folga este martes día 14 para reclamar un incremento do prezo das gardas, que leva dende 2016 sen actualizar. Pola súa banda, os seus compañeiros do Hospital Provincial de Pontevedra, tamén da empresa Veolia Servicios Norte, continúan cos paros e as protestas en demanda da equiparación das condicións laborais e salariais ás doutras áreas sanitarias.  

 Dende a CIG-Industria de Vigo explican que o persoal de Veolia que se encarga do mantemento do Nicolás Peña ten que facelo tamén de todos os centros de saúde da área sanitaria (22), unha vez foi recollido no último prego de condicións do concurso de adxudicación do servizo. Tras o que se decidiu reclamar unha actualización do prezo das gardas de 24 horas conforme á suba de salarios do convenio do metal dende 2016, mais as negociacións coa empresa remataron sen acordo ao respecto.  

 En consecuencia, as nove persoas traballadoras do servizo optaron por convocar unha xornada de folga para este martes día 14 e unha concentración diante do centro médico (rúa Camelias, 109) de 12:00 a 14:00 horas. Ao tempo que adiantan a súa intención de levar a cabo máis paros e mobilizacións no caso de que a dirección da compañía non acceda a aumentar o pago dunhas gardas que levan case unha década sen actualizarse.  

Última xornada de folga en Pontevedra  

 Pola súa banda, o persoal de Veolia que se encarga do mantemento do Hospital Provincial de Pontevedra celebra mañá a última das oito xornadas de folga que están a desenvolver para reclamar a equiparación das condicións laborais e salariais ás do persoal doutras áreas sanitarias. Ademais, teñen convocada unha manifestación arredor do centro médico a partir das 12:00 horas. No día de hoxe mobilizáronse tamén polas inmediacións do hospital tras acceder a primeira hora ao espazo no que se celebraba unha xuntanza de traballo da Xerencia, conseguindo entregarlle dous escritos ao responsábel de Recursos Económicos nos que se solicitaba unha xuntanza e se recollían os principais reivindicacións do colectivo.  

 O persoal levaba un ano tentando abrir unha mesa de negociación sen que nin a compañía adxudicataria do servizo nin o SERGAS amosasen até o de agora disposición de avanzar nos dereitos laborais. Veolia aplica o convenio do metal da provincia de Pontevedra, que non se axusta ás funcións características que desenvolve o persoal (gardas localizadas, traballo en quendas, horario nocturno, etc). Por iso demandan melloras por riba do convenio, coas que si conta por exemplo o persoal de Veolia que traballa no mantemento dos hospitais Álvaro Cunqueiro de Vigo ou no comarcal do Salnés.

Ningún comentario:

Publicar un comentario