Tomiño rende homenaxe a dúas vidas dedicadas a ensinar con corazón
• O Concello ofreceu unha recepción a Cruz Garrido e Carlos Villanueva, docentes do IES Antón Alonso Ríos, recentemente xubilados tras décadas nas aulas
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
Hai persoas que, sen facer ruído, cambian o mundo cada día. Fano desde unha aula, cun xiz na man ou co punteiro da pantalla táctil cando as novas tecnoloxías chegaron ao ensino e coa ollada posta no futuro. En Tomiño, dúas desas persoas son Cruz Garrido e Carlos Villanueva, docentes do IES Antón Alonso Ríos que fixeron do ensino unha forma de vida e do coidado do seu alumnado unha arte silenciosa.
O Concello quixo renderlles unha sentida homenaxe na casa consistorial tras a súa recente xubilación despois décadas ensinando con paixón, paciencia e corazón. A alcaldesa, Sandra González, e a concelleira de Educación, Cristina Martínez, recibiron a ambos profesores nun acto de agradecemento a dúas traxectorias que son historia recente do IES Antón Alonso Ríos e da propia comunidade educativa tomiñesa.
Durante máis de vinte anos, Cruz Garrido, profesora de Historia, acompañou a xeracións de estudantes do instituto tomiñés, guiándoos con agarimo e unha profunda vocación. Directora do centro durante uns anos, estivo ao fronte do equipo directivo durante a pandemia da COVID-19, un período de especial complexidade no que tivo que liderar a adaptación ás novas circunstancias, garantir a continuidade educativa e coidar de alumnado e profesorado. Un tempo que puxo de manifesto o seu gran compromiso, a súa capacidade de organización e a súa humanidade.
Carlos Villanueva, pola súa banda, dedicou trinta anos á docencia no mesmo instituto como profesor de Bioloxía, transmitindo curiosidade, respecto pola natureza e un profundo amor pola ciencia. Cunha mirada serena e unha entrega constante, deixou unha pegada fonda no alumnado e no claustro, sendo tamén parte do equipo directivo do centro.
Como membros da dirección impulsaron proxectos e teceron pontes entre o instituto e o Concello nunha colaboración constante que fixo posible moitas iniciativas educativas que hoxe definen a Tomiño como referente de educación pública e de calidade.
“Ensinar é un acto profundamente humano, porque quen educa non só transmite coñecemento, senón que axuda a construír persoas. Cruz e Carlos representan esa esencia do profesorado que entende a docencia como unha entrega e unha forma de vida. Son parte do Tomiño que queremos: o dun pobo que educa, que acompaña e que aprende xunto”, destacou a rexedora.
A alcaldesa quixo subliñar tamén o valor simbólico deste recoñecemento. “Nun tempo de cambios e inmediatez, é importante lembrar que a educación é unha semente que se cultiva a longo prazo. E eles deixan un bosque enteiro de recordos, de aprendizaxes e de cariño. Moitas grazas Cruz e Carlos por facer de Tomiño un lugar mellor a través da vosa ensinanza, pola vosa humanidade e pola vosa sabedoría compartida”, engadiu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario