Ana Vicente, representante de Tomiño no V Foro da Muller Rural Galega
• Esta praceira do Mercado de Tomiño compartiu a súa historia de vida nun encontro no que 15 mulleres visibilizaron a súa realidade no territorio de Galicia Suroeste co gallo do Día Internacional da Muller Rural
A alcaldesa de Tomiño, e tamén presidenta de Galicia Suroeste EuRural, Sandra González, fíxolle entrega a Ana Vicente, do correspondente diploma no V Foro da Muller Rural Galega
Fotos: C.T.
Infogauda / Tomiño
Comezou a traballar nunha carnicería con tan só 15 anos, cando en Tomiño aínda non había instituto e o futuro escribíase coas mans e coa vontade. Hoxe, tras máis de catro décadas de dedicación e constancia, Ana Vicente, da coñecida Carnicería de Ana, do Mercado de Tomiño, é todo un símbolo do traballo ben feito, da entrega e da excelencia. A súa historia foi a protagonista de Tomiño no V Foro da Muller Rural Galega, un encontro no que 15 mulleres puxeron voz ás súas experiencias vitais para visibilizar o papel da muller no desenvolvemento social e económico do rural galego.
Dende aquela primeira oportunidade profesional, Ana nunca deixou de aprender nin de innovar. Con esforzo e determinación, contribuíu a transformar o Mercado de Tomiño nun referente de calidade e proximidade, converténdose ela mesma nunha das súas figuras máis recoñecidas. O lema da súa carnicería, “A calidade na túa mesa”, é tamén o reflexo dunha traxectoria marcada pola profesionalidade e o compromiso co territorio. Non en van foi distinguida como Praceira do Ano durante tres anos consecutivos.
Durante o acto, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “Ana representa o espírito das mulleres do noso rural: traballadoras incansables, valentes, con iniciativa e cun enorme sentido de comunidade. Mulleres que, coa súa entrega diaria, manteñen vivos os valores que nos definen como pobo”.
“O foro chega á súa quinta edición consolidado como un espazo de encontro, visibilización e recoñecemento institucional ás mulleres que manteñen viva a identidade, a economía e a cohesión social do rural galego. É unha mostra da forza colectiva desas mulleres que día a día sosteñen o noso territorio co seu traballo, moitas veces silenciado pero imprescindible para construír un rural con futuro”, destacou no seu discurso a rexedora, tamén presidenta de Galicia Suroeste EuRural, subliñando a relevancia dun evento que, coincidindo co Día Internacional da Muller Rural, se converteu nunha celebración do talento, o esforzo e a perseveranza das mulleres no territorio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario