UNHA REPRESENTACIÓN DE VETERANOS ARTILLEIROS CELEBROU SÚA XUNTANZA ANUAL
• Foi onte venres, 10 de outubro, á noitiña, en Gondomar
Ricardo Rodríguez Vicente / Gondomar
Neste 2025 cumplíronse 50 anos en que algúns mozos de varios concellos (A Guarda, Gondomar, Oia, O Porriño, O Rosal, Tomiño, Vigo,...) do sur da provincia, cumplían en 1975 cos deberes relacionados co servizo militar, daquela obrigatorio. Uns, polo seu correspondente reemprazo, segundo seu ano de nacemento, e outros voluntarios; coincidiron no CIR (Centro de Instrucción de Reclutas) en Figueirido, e despois - algúns - no cuartel de artillería de Campolongo, e finalmente na batería de artillería costeira J-4, de Cabo Silleiro, na parroquia de Baredo (Baiona) e mesmo na batería de costa J-3, de Monteferro, no concello de Nigrán.
Como veñen facendo desde fai varios anos, algúns daqueles mozos de outrora, que actualmente peitean canas - no mellor dos casos - e amosan - de diversos xeitos - o evidente paso do tempo; voltaron a celebrar súa xuntanza anual. Foi na noitiña de onte, nun restaurante de Gondomar. No encontro, coordinado por Mariño e Moa, participaron veteranos artilleiros veciños do Val do Fragoso, do Val Miñor e do Baixo Miño.
Como vén sendo costume neles, a medida que ían chegando o lugar acordado, saudáronse e conversaron, como introito a posterior cea de irmandade a base petiscos variados. E de segundo, a elexir entre unha variedade de propostas do mar e da terra, segundo as preferencias de cada cal. E para acompañar, viño tinto novo - os que non tiñan que conducir - e cervexas sen alcol, os demais. Como ten que ser. E logo, unhas sobremesas caseiras, certamente moi saborosas.
E como sempre, animado faladoiro, adobiado de anécdotas e lembranzas daquela época pretérita e de moitos compañeiros de mili. Algúns xa no recordo, e outros, afortunadamente, resistindo do mellor xeito posible, e desexando voltar a atoparnos na vindeira edición. Con ese propósito e cos mellores devezos de saúde e benestar para todos, así como para as respectivas familias, quedaron emprazados para o 2026.
Ningún comentario:
Publicar un comentario