As 40 peregrinas e peregrinos que percorreron o Camiño de Santiago pola saúde mental chegan á praza do Obradoiro
• Tras andar 28 quilómetros do Camiño Francés durante 3 etapas, as peregrinas e peregrinos de Saúde Mental FEAFES Galicia chegan á capital galega hoxe, xoves 30 de outubro.
• Con esta iniciativa, as persoas con problemas de saúde mental queren loitar activamente contra o estigma que sofre o colectivo.
Ana Escrigas Rodríguez / Santiago
Saúde Mental FEAFES Galicia vén de realizar o Camiño de Santiago por décimo quinto ano, unha actividade na que participaron arredor de 40 peregrinas e peregrinos entre os que se atopan persoas con problemas de saúde mental e monitoras acompañantes.
O percorrido comezou o 28 de outubro en de maio en Salceda (O Pino) e contou cun total de 28 quilómetros. Hoxe realízase a etapa final dende o Monte do Gozo ata o casco histórico compostelán, contando con chegar á Praza do Obradoiro arredor das 12:00. Alí, as persoas participantes recibirán un certificado que acredite que percorreron ese tramo do Camiño de Santiago. Despois, para despedir a actividade, gozarán dunha comida de confraternidade nun restaurante da cidade.
As persoas que realizan este ano o Camiño de Santiago proceden de diversas localidades galegas xa que pertencen ás asociacións Andaina (Dodro e Ordes), Alume (Lugo e Guitiriz), Doa (Vigo e Cangas) e Saúde Mental Ferrol (Narón).
As actividades de ocio e deporte que organizan Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois lles permiten romper coa rutina diaria, realizar actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquecerse culturalmente, socializar e integrarse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ás familias na súa tarefa de coidados.
Con esta iniciativa, Saúde Mental FEAFES Galicia quere amosar á sociedade unha imaxe normalizada e integradora das persoas con problemas de saúde mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a este colectivo.
Esta viaxe de tres días tamén serviu para que as persoas con problemas de saúde mental realicen exercicio físico, algo moi beneficioso para a súa saúde. Do mesmo modo, ten un factor lúdico rehabilitador porque permite que as persoas participantes se integren na sociedade e participen en actividades colectivas.
Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 coa misión de representar e defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda a comunidade galega con centros e servizos en máis de 30 localidades.
.jpeg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario