Infraestruturas
Abel Losada define como un salto cualitativo na loita contra a violencia de xénero a implantación dos puntos violeta nas oficinas de farmacia
O subdelegado agradece á presidenta do Colexio Provincial, Beatriz García, a “iniciativa e a vontade por colaborar na prevención e na loita contra a lacra da violencia machista”
Un total de 437 oficinas de farmacia da provincia recibirán a formación que as habilita para implantar o punto informativo
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, participou hoxe xunto coa presidenta do Colexio provincial de Farmacia, Beatriz García, na posta en marcha do “Programa de Intervención do/a farmacéutico/a en materia de violencia de xénero na provincia de Pontevedra”. O acto, celebrado na sede do Colexio Provincial, é o punto de partida que culminará nas próximas semanas coa implantación do punto violeta entre as 437 oficinas de farmacia da provincia que así o decidan.
Losada explicou que nos últimos meses colocáronse puntos violeta nas oficinas dos Servizos de Emprego Público, no aeroporto de Vigo e nas sedes da Seguridade Social da provincia co ánimo de espallar este servizo nas oficinas públicas do Estado na provincia. “A colaboración que se abre co Colexio de Farmacia para levar os puntos violeta a case medio millar de oficinas é un salto non só cuantitativo, polo número de oficinas que implica, senón, sobre todo, cualitativo porque as farmacias son espazos sensibles e relacionados co ámbito sanitario”, afirmou.
Unha axuda adicional idónea para o rural
O subdelegado recordou que as farmacias están atendidas por persoal altamente cualificado e resultan lugares idóneos para detectar posibles casos ou atender os que se manifesten espontaneamente. “As farmacéuticas e farmacéuticos, moi especialmente na contorna rural, poden prestar un servizo de moitísima calidade á sociedade acollendo a esas potenciais vítimas e ofrecéndolles unha primeira información sobre os recursos dispoñibles”.
Losada agradeceu o compromiso e a ambición da presidenta do Colexio, Beatriz García, non só para facilitar a instalación dos puntos violeta, senón para o deseño dun programa que comeza cunha formación integral dos e das farmacéuticas da provincia. Ademais valorou a participación, sempre entusiasta do colexio coa campaña “No caminas sola”, dirixida especificamente ás mulleres que fan o Camiño Xacobeo e que se pon en marcha tódolos veráns.
As sesións de formación desta nova iniciativa, que comezaron hoxe na sede provincial do Colexio de Farmacia vanse espallar polas comarcas do Deza, O Morrazo, Baixo Miño, Condado-Paradanta, Tabeirós-Terra de Montes, Caldas, Arousa, Vigo e Pontevedra. Estarán a cargo da xefa da Unidade de Prevención da Violencia de Xénero da Subdelegación, María José Rodríguez, equipos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado que están a cargo do sistema VioGén, así como persoal dos Centros de Información á Muller (CIM), a directora do Centro de Crise 24 horas do hospital Álvaro Cunqueiro (referencia sanitaria provincial para violencias sexuais e machistas) e persoal farmacéutico de atención primaria e comunitaria.
En España hai actualmente unhas 6.000 oficinas de farmacia constituídas como puntos violeta, pero esta iniciativa, que noutras comunidades desenvolveuse a nivel autonómico, non tiña chegado a Galicia. A provincia de Pontevedra é así a primeira en dar cumprimento ás previsións do convenio asinado en 2021 entre o Ministerio de Igualdade e o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacia de España.
Ningún comentario:
Publicar un comentario