A concesionaria do SAF de Ponteareas non resolveu as irregularidades laborais e do servizo no prazo marcado polo Concello
• Varios centos de persoas mobilizáronse onte polas rúas localidade en apoio da loita das traballadoras, que reclaman a rescisión do contrato
No día de onte, varios centos de persoas percorreron en manifestación a localidade dende o centro de saúde até o consistorio en apoio dunha loita coa que se pretende a rescisión do contrato
Foto: CIG
Infogauda / Ponteareas
A empresa Óbolo, concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Ponteareas, non resolveu no prazo marcado polo Goberno local as numerosas irregularidades laborais e do servizo que as traballadoras veñen denunciando e que motivaron a convocatoria dunha folga indefinida o pasado 26 de setembro. No día de onte, varios centos de persoas percorreron en manifestación a localidade dende o centro de saúde até o consistorio en apoio dunha loita coa que se pretende a rescisión do contrato.
De xeito paralelo, a representación sindical das traballadoras tramitou unha queixa na Valedora do Pobo ante a gravidade dos incumprimentos do contrato e a inacción do Concello, “que sendo coñecedor dos feitos non exerceu as súas facultades de control, puxo medios e persoal propio a disposición da empresa e non abriu expediente de resolución do contrato malia a existencia de múltiples causas tipificadas no prego”.
Por outra banda, a CIG censura que a resposta da compañía aos requirimentos dos responsábeis municipais para que corrixise as irregularidades -que as afectadas forzaron coas súas mobilizacións- fose posta en coñecemento da representación legal das traballadoras mediante teléfono móbil a través dun servizo de mensaxería instantánea e compartida nas redes sociais do Concello sen antes cotexala coa representación sindical.
En canto ao contido da resposta, na que a empresa dá por solucionadas unha serie de problemáticas que o persoal do SAF leva tempo trasladándolle ao Goberno local, dende a central sindical lembran que a día de hoxe non hai rexistro de xornada transcorridos seis meses da licitación do concurso. “Din que vai haber un provisional, pero non se sabe cando”, sinalan.
Fan fincapé tamén en que a entrega de teléfonos ás auxiliares aínda non se fixo efectiva e que faltan as tarxetas. Tampouco se conta co preceptivo resumo mensual das horas traballadas e o balance do primeiro trimestre nin do segundo trimestre, que rematou en setembro.
Ao mesmo tempo, aclaran unha serie de cuestións a respecto do pago das horas extraordinarias e do cálculo do tempo dos desprazamentos para que sexan abonados como corresponde, e insisten en que as nóminas presentan erros. “Non entregaron relación das nóminas que foron revisadas, supoñemos que os ingresos aos que aluden na resposta corresponden ás traballadoras que o solicitaron por rexistro. E falta a revisión da mensualidade de setembro, da nómina da paga extraordinaria de xuño -da que non facilitaron copia- e do pagamento da regularización de horas do primeiro trimestre”.
A respecto do plan de prevención, aclaran que o primeiro que ten que facer a empresa é constituír o comité de prevención de riscos, formado pola representación social e empresarial, e indicar se ten un servizo alleo ou propio de prevención. “Ese comité ten que avaliar a proposta preventiva da empresa e realizar a avaliación dos domicilios aos que se asiste; unha vez realizada a avaliación hai que elaborar o plan preventivo coas medidas especificas a tomar en cada servizo”. Tampouco se informou nin se difundiu o protocolo de acoso entre o cadro de persoal, e non existe protocolo de comunicación de incidencias no servizo.
Outros incumprimentos teñen que ver con que non se están a respectar os descanso mínimos semanais fixados no convenio. “As traballadoras de fin de semana apenas descansan dous días en 14 días. Tampouco se respecta o descanso mínimo diario de 12 horas entre xornadas, nin a pausa de 15 minutos para o bocadillo”.
Estanse a partir as xornadas parciais en máis de dúas franxas, “algo completamente prohibido polo Estatuto dos Traballadores/as” Increméntase a xornada das traballadoras para cobertura de baixas e vacacións sen realizar a preceptiva novación contractual aumentando as horas de contrato. Non hai PIAS nin descrición das tarefas en cada domicilio. Nin se están a realizar as visitas bimensuais obrigatorias.
Tampouco se están a ofrecer os servizos complementarios comprometidos na acta da mesa de contratación: enfermaría, limpezas extraordinarias, terapia ocupacional, fisioterapia, etc. Na mesma acta figuraba no cadro de persoal un/ha responsábel administrativo/a a xornada completa e unha persoa de administración a xornada completa, que non foron contratados.
Non se está a incrementar o persoal necesario para novas altas. Non se completou a contratación dun 60% do persoal a xornada completa. Non existe un plan de formación. Non se cumpre co deber de información á representación legal das traballadoras. Nin se ten constancia da política de igualdade dentro da empresa.
Por todo isto, e ante os graves incumprimentos das condicións de especial execución do contrato, reclaman a apertura dun expediente de extinción con efectos a 31 de decembro de 2025, “na medida en que a actuación da empresa non pode considerarse illada ao afectar a practica totalidade das condicións de execución e sostívose durante seis meses continuados, optando mesmo o Concello por poñer a disposición da empresa material e persoal propio”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario