Sara Álvarez, ‘Muñi’, protagonista do Rosal no V Foro da Muller Rural Galega
• 15 mulleres visibilizaron a súa realidade no territorio de Galicia Suroeste nun emotivo acto celebrado en conmemoración do Día Internacional da Muller Rural
Infogauda / O Rosal
Leva dende pequena cun balón nos pés, xogando no campo da Mata cos nenos, soñando con chegar lonxe sen imaxinar que un día vestiría a camiseta do seu equipo soñado e se convertería na capitana das Celtas. Hoxe Sara Álvarez, Muñi, é un orgullo para O Rosal e exemplo de constancia, esforzo e superación. A súa historia foi a protagonista da participación rosaleira no V Foro da Muller Rural Galega, un encontro que reuniu a 15 mulleres de Galicia Suroeste para visibilizar o papel fundamental das mulleres nos ámbitos rural, social, profesional e deportivo.
Sara, que comezou a súa traxectoria xogando no Rosal e hoxe é capitana do equipo feminino do R.C. Celta de Vigo, continuou formándose en Psicoloxía coa intención de aplicar no futuro os seus coñecementos ao ámbito deportivo. A súa participación no Foro da Muller Rural Galega puxo voz a unha nova xeración de mulleres rurais que combinan talento, formación e compromiso coa súa terra.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “Sara representa á perfección os valores do Rosal: esforzo, humildade, traballo e ilusión. É unha moza que leva o nome do noso concello por toda Galicia e que, con paso firme, está a construír o seu futuro sen esquecer as súas raíces”. A rexedora sinalou ademais que “este foro é unha oportunidade para escoitar, compartir e poñer en valor as experiencias das mulleres rurais, que son motor de cambio e de progreso social”.
O acto, celebrado con motivo do Día Internacional da Muller Rural, serviu como espazo de inspiración e recoñecemento para todas aquelas mulleres que, desde as aldeas, vilas e parroquias, loitan cada día por abrir camiños e derrubar estereotipos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario