16 de out. de 2025

O BAIXO MIÑO

A AECT Rio Minho pide inclusión urxente dos problemas do río Miño na Cimeira Luso-Española  


Vista do río Miño desde o monte Santa Trega, en setembro de 2025
Foto: Infogauda

Lara Rodríguez / O Baixo Miño

 A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño fai un chamamento aos Gobernos de Portugal e de España para que asuman a xestión do río Miño como unha prioridade conxunta na próxima Cimeira Luso-Española, prevista para o 5 de novembro. 

 Segundo o AECT Río Miño, un dos problemas que require intervención urxente é o asolagamento do río, que está a comprometer a navegabilidade e a seguridade, dificultando a actividade pesqueira e as operacións de rescate e salvamento no treito internacional. 

 A proliferación de especies exóticas invasoras, tanto de fauna como de flora, é identificada como unha das maiores ameazas para a biodiversidade e para as actividades económicas e culturais asociadas ao río, nomeadamente para a pesca artesanal. O agrupamento subliña que este problema se vén agravando coas alteracións climáticas. 

 Outra preocupación é a xestión das centrais hidroeléctricas situadas en territorio español, especialmente a presa de Frieira, que ten provocado variacións bruscas de caudal. Aínda que os valores medios estean formalmente dentro dos límites acordados, as oscilacións súbitas afectan de maneira significativa os ciclos reprodutivos das especies migradoras, o abastecemento de auga ás poboacións ribeirás e a actividade nas pesqueiras tradicionais do río Miño. 

 “O AECT Río Miño está profundamente comprometido en representar, de forma coordinada e construtiva, os intereses das comunidades ribeirás. O noso papel é dar forza a esa voz, articular esforzos e sensibilizar as autoridades competentes para que os problemas urxentes que afectan o río Miño teñan unha resposta efectiva e duradeira”, afirmou José Manuel Vaz Carpinteira, director do AECT Río Miño. 

 O responsable subliña que están en xogo a sustentabilidade, a seguridade e o desenvolvemento do treito internacional do río Miño, garantindo que o AECT continuará a promover xestións ante as autoridades competentes de ambos países para acadar unha xestión integrada e sustentable deste territorio transfronteirizo.   

 Con sede en Valença, o AECT Río Miño foi creado en 2018 e integra 26 municipios: os 10 concellos do Alto Minho e os 16 municipios galegos da provincia de Pontevedra, abrangue un territorio de máis de tres mil quilómetros cadrados e unha poboación superior a 376.000 habitantes. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario