López Campos gaba “o persistente labor a prol da dinamización cultural” dos Premios da Crítica de Galicia
• O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participa no acto de entrega de 2025 destes galardóns que recoñecen a excelencia na creación cultural desde 1978
Infogauda / Vigo
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, gabou hoxe o “persistente labor” a prol da dinamización cultural dos Premios da Crítica de Galicia. Fíxoo durante a participación na gala de entrega deste ano destes galardóns que desde 1978, e de maneira ininterrompida, recoñecen a excelencia a nivel individual e colectivo en diversos ámbitos da creación cultural e da investigación na Comunidade.
Neste senso, incidiu no valor deste certame polo “pulo que supón ao sector galego a través de recoñecer a implicación e compromiso dos profesionais do mundo da cultura, sendo dos premios máis lonxevos neste eido”. Ademais, trasladou os seus parabéns á organización por “ter esa capacidade de permeabilidade coa sociedade e camiñar sempre cos tempos” tras incluír novas modalidades como son a Investigación en Ciencia e Tecnoloxía, a Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades e a de Cultura dixital.
Durante o acto foron premiados, na modalidade de Creación Literaria, Lara Dopazo por Contos gringos; na de Investigación en Ciencia e Tecnoloxía, Daniel Lamas, Andrés Justo, Mario Soilán e Belén Riveiro co proxecto Automated production of synthetic point clouds of truss bridges for semantic and instance segmentation using deep learning models, e na de Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades o proxecto As peregrinacións a Compostela. Mito, historia e falsidades de Xosé Miguel Andrade. O galardón en Iniciativas Culturais e Científicas, pola súa banda, recaeu no programa Apego e no resto das categorías resultaron gañadores o Cuarteto Quiroga, na de Música; Chus Martínez, na de Artes Plásticas; o Teatro de Ningures por As guardias ou o nó do tecelán, na de Artes Escénicas; Manolo González, na de Artes Audiovisuais; o Centro de Formación Profesional Carlos Oroza de Pontevedra, en Cultura gastronómica, e, finalmente o Festival Carballo Interplay, en Cultura dixital.
Ningún comentario:
Publicar un comentario