27 de out. de 2025

A GUARDA

A XUNTA DE GALICIA CONTRIBUIRÁ A FACER MÁIS SUSTENTABLE E ACCESIBLE A PISCINA MUNICIPAL DA GUARDA 

 O Consello da Xunta autoriza un convenio co Concello pontevedrés para este proxecto, que incluirá aforros enerxéticos do 80% e servizos para facilitar o seu acceso 


Vista parcial do interior da piscina climatizada municipal de A Guarda
Foto: Cedida

Infogauda / A Guarda

 O Consello da Xunta autorizou hoxe o establecemento dun convenio entre Turismo de Galicia e o Concello da Guarda, destinado á reforma e mellora enerxética da piscina municipal deste municipio para mellorar e modernizar así os servizos desta infraestrutura da localidade situada no Camiño Portugués da Costa. O Goberno autonómico contribuirá cunha achega de máis de 614.700€. 

 A piscina municipal, situada nas aforas da localidade xunto ao trazado do Camiño Portugués da Costa, é unha das instalacións municipais con maior uso. O edificio consta de dúas plantas e un soto, organizadas en tres zonas diferenciadas pero conectadas. As obras previstas responden a un enfoque integral que combina a adaptación funcional, estética, económica e social do edificio existente. Dotarase así dunha imaxe exterior máis limpa, moderna e adecuada ao seu contorno, renovando o interior tanto en instalacións como en espazos e usos, baixo os principios de innovación, accesibilidade - coa instalación de cadeiras móbiles portátiles- e sustentabilidade. 

 O proxecto pon énfase na rehabilitación enerxética, coa renovación da envolvente con illamento sustentable, o emprego de equipos de elevada eficiencia e iluminación LED con sistemas de control e enerxías renovables, e a instalación de aparcadoiros para bicicletas ou patinetes eléctricos e dous puntos de recarga para vehículos eléctricos, entre outros. 

 En total, espérase acadar aforros enerxéticos próximos ao 80% e unha diminución dos requirimentos de mantemento actuais á metade, grazas ás melloras construtivas e en instalacións. O convenio estará vixente ata o 31 de decembro de 2026. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario