8 de set. de 2025

TUI

“Os viños de Castelao” acto cívico de homenaxe no Ano Castelao  

  Promovido polo Concello de Tui, celebrarase o domingo 28 de setembro, ás 12 h, no céntrico edificio da praza da Inmaculada (antigo Pazo de Xustiza)  




Infogauda / Tui

 O Concello de Tui promove un acto cívico de homenaxe á figura senlleira de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao co gallo da celebración do 75 aniversario do seu pasamento e como “mostra de gratitude do pobo galego” desta egrexia figura senlleira da cultura e política galegas. 

  “Os viños de Castelao” é unha proposta de achegamento á traxectoria de Castelao que correrá a cargo do historiador Bieito Alonso, que ten estudado a vida e obra de Castelao en numerosas publicacións, e falará neste acto sobre “O itinerario político de Castelao”. Este acto de recoñecemento a Castelao completarase cunha actividade de lecer denominada “Os viños dos espazos que habitou Castelao. Explicación e degustación” que estará a cargo de  Marina Cruces, unha tudense con longa traxectoria no mundo do viño e as catas.  

 Ao longo do desenvolvemento deste programa está prevista a actuación musical de Pancho Álvarez, Quico Paz Antón e Alexandre González, acreditados músicos da nosa contorna con ampla traxectoria profesional.  

 Este acto de homenaxe a Castelao celebrarase o domingo 28 de setembro, ás 12.00 h no céntrico edificio da praza da Inmaculada (antigo Pazo de Xustiza). As persoas interesadas en participar deben inscribirse a través do correo electrónico da Oficina Municipal de Turismo: turismo@tui.gal non admitindo mais que dúas inscricións no mesmo correo. O prazo de inscrición é do 10 ao 20 de setembro e as prazas son limitadas.    

 Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, este acto de homenaxe á figura de Castelao neste ano dedicado a súa memoria conxuga a dimensión cultural e de coñecemento cun aspecto máis lúdico como degustación dos viños que ilustran a traxectoria vital do político e intelectual de Rianxo. A concelleira expresa o compromiso do Concello de Tui na conmemoración da memoria e o legado de quen é considerado un dos fundadores da Galicia contemporánea, a súa cultura e o seu marco político. Castelao visitou en diversas oportunidades esta cidade de Tui, sendo lembrada a súa participación nun mitin autonomista no Paseo da Corredoira no mes de maio de 1931. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario