4 de set. de 2025

SANXENXO

A Deputación leva o ciclo de Artes Vivas da Bienal de Pontevedra a Sanxenxo este venres coa actuación de Nuria Sotelo e Luz Arcas na capela da Lanzada 

A capela acolle a estrea absoluta de “Fóra de si”, unha intervención que parte dunha investigación ao redor do “corpo jondo”, que terá entrada libre ata completar capacidade 


Nuria Sotelo e Luz Arcas

Foto: Carmen Verdú

Infogauda / Sanxenxo

 O ciclo de Artes Vivas da Bienal de Pontevedra chegará a Sanxenxo coa estrea absoluta dun espectáculo de danza de Nuria Sotelo e Luz Arcas, coa colaboración de Quique Peón e Xabier Erkizia, que presentan a súa peza “Fóra de si”. Será este venres, 5 de setembro, ás 21:00 horas na capela da Lanzada con entrada libre ata completar a capacidade. Comisariado por Iñaki Martínez Antelo, o ciclo de Artes Vivas da Bienal de Pontevedra ten a súa base en Pontevedra pero expándese por diferentes puntos da provincia, activando espazos urbanos, patrimoniais e industriais que se transforman en escenarios efémeros abertos ao público. Esta itinerancia busca conectar a creación contemporánea co territorio e os seus habitantes, favorecendo novos encontros e experiencias culturais.  

 O punto de partida de “Fóra de si” é a investigación que Luz Arcas está a realizar ao redor do "corpo jondo". A artista explica que leva “uns anos traballando no jondo como motor de movemento interno e punto de partida para os meus bailes. Na procura expresiva e experimental, desligada formalmente de calquera tradición, pero conectada enerxeticamente coas expresións da miña terra, co flamenco, cos ritos e supersticións, co folclore andaluz e cos seus bailes e cantes do arraigamento.  

 Arcas pregúntase Como se encarna a vida sen corpo?, como se baila fóra de si?, como entregar o corpo a mensaxes doutros corpos que xa non están aquí? Como facer deste mecanismo expresivo un espazo para a liberdade, para a revolución do tempo e do espazo, dos vínculos persoais?” e engade: “a materia, mans que escriben ou debuxan, bocas que se articulan ao servizo de mensaxes doutros mundos. Neste traballo, a coreógrafa e bailarina Luz Arcas explora estas preguntas a modo de invocación, utilizando como materia o corpo-voz de Nuria Sotelo, a voz e a percusión da man de Quique Peón e o seu propio corpo, co espazo sonoro de Xabier Erkizia.   

 Luz Arcas (1983, Málaga) fundou a compañía La Phármaco en 2009. É Premio O Ollo Crítico da Danza 2015, premio á mellor intérprete feminina de danza 2015 nos Premios Lorca, finalista a mellor intérprete feminina de danza nos Premios Max 2017, Premio Injuve 2009 e Premio Málaga Crea 2009. Ademais, acaba de recibir o Premio Nacional de Danza (2024) outorgado polo Ministerio de Cultura.  

 Nuria Sotelo é bailarina, coreógrafa, fundadora e directora artística da compañía de danza-teatro Furia Sotelo, directora do espazo de danza do Campus de Ourense UV, docente no campo do movemento, traballadora no ámbito social das artes e impulsora e coordinadora do espazo de creación artística e acción social no rural A Casa Vella.  

 Quique Peón (1963, A Coruña) é coreógrafo, investigador, intérprete e docente no eido da música e do baile tradicional de Galicia. A súa actividade profesional céntrase na investigación etnográfica, cun extenso traballo de recolección de campo. Recuperou e restaurou centos de bailes, danzas, músicas, traxes, instrumentos e costumes, e gañou innumerables premios de ámbito nacional e internacional. Dirixe desde 1982 o grupo de música e baile tradicional Xacarandaina da Coruña e en 2008 creou a súa compañía profesional de danza galega Quique Peón Cía.  

 Xabier Erkizia (Lesaca, Navarra, 1975) é músico, produtor, xornalista e artista sonoro. Colabora con artistas de diferentes disciplinas e procedencias e as súas prácticas abarcan desde a radio á produción musical, a escritura, composición de bandas sonoras (cine, teatro, danza), ata a súa faceta máis experimental.  

 Este programa podería sufrir modificacións por circunstancias externas, como climatoloxía adversa ou causas de forza maior.

Ningún comentario:

Publicar un comentario