O Rosal dá voz á creatividade en galego co seu II Concurso de Relato Curto
• O certame, posto en marcha polo Concello en colaboración coa Xunta, busca consolidar o éxito da primeira edición e reforzar o uso da lingua galega e da cultura local
Infogauda / O Rosal
A literatura regresa con forza ao Rosal. O Concello, en colaboración coa Xunta de Galicia, abre o prazo de inscrición do II Concurso de Relato Curto, unha iniciativa que aposta pola creatividade, a diversidade de voces e a dinamización cultural en lingua galega.
Tras a grande acollida da primeira edición, na que participaron máis de noventa persoas, este novo certame pretende seguir fomentando a escrita como ferramenta de expresión persoal e colectiva. A convocatoria está aberta a persoas de todas as idades non profesionais, cunha temática libre que permitirá ás autoras e autores dar renda solta á súa imaxinación, aínda que se valorarán positivamente aqueles relatos inspirados na nosa terra, contorna ou tradicións.
O concurso estrutúrase en tres categorías: infantil (ata 11 anos), xuvenil (de 12 a 17 anos) e adulta (a partir dos 18 anos). Haberá premios para as tres mellores creacións en cada categoría, incluíndo dispositivos de lectura dixital e lotes de libros, ademais dun diploma acreditativo e dun pequeno recompilatorio cos relatos seleccionados.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, subliñou que “este concurso é unha mostra do compromiso do Concello coa lingua galega e coa cultura, creando oportunidades para que a veciñanza se sinta protagonista e orgullosa de contar as súas historias no noso idioma”.
Pola súa banda, o concelleiro de Xuventude, Alejandro González, destacou que “queremos que o galego sexa o verdadeiro protagonista, un espazo onde a mocidade e tamén a veciñanza adulta poidan expresarse libremente, compartindo experiencias, sentimentos e creatividade sen límites”.
As persoas interesadas poden presentar os seus relatos ata o 9 de novembro de maneira presencial no Rexistro Municipal en horario de 9.00 a 14.00 horas ou a través do formulario habilitado na web do Concello. Na súa avaliación o xurado terá en conta a calidade da redacción, a orixinalidade, os recursos literarios e a capacidade comunicativa das obras.
Para consultas ou dúbidas, a organización dispón do correo electrónico informacionxuvenil@orosal.gal
Bases completas do II Concurso de Relato Curto do Concello do Rosal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario