8 de set. de 2025

O ROSAL

Os Venres Rebuldeiros regresan ao Rosal con novas propostas para setembro e outubro  

 O ciclo arrancará o 12 de setembro, ás 18.00 h na biblioteca municipal, cunha adaptación para monicreques de Carmen Domech do clásico ‘Onde viven os monstros’  

 



Infogauda / O Rosal

 A diversión e a imaxinación volverán encher O Rosal. Este venres 12 de setembro, ás 18.00 horas, a Biblioteca Municipal converterase no escenario dunha nova edición dos ‘Venres Rebuldeiros’, que regresan con tres citas de balde pensadas para achegar cultura, teatro e contacontos a todos os públicos. 

 A primeira parada será o contacontos ‘Onde viven os monstros’, unha adaptación para monicreques de Carmen Domech do clásico de Maurice Sendak que grandes e maiores poderán desfrutar dentro do programa +Escénicas da Deputación de Pontevedra. A obra mergulla o público no mundo de Max, un neno que crea na súa habitación un universo onde é libre, mesmo para ser o monstro máis monstro de todos. No seu camiño, enfróntase ao medo, á frustración e ao rexeitamento, pero tamén aprende a importancia do amor e do respecto aos demais. 

 A programación continuará en outubro con dúas novas propostas: o venres 2 será a quenda de ‘Pipo, o paxaro que non sabía voar’, da compañía Trémola Teatro, mentres que o venres 24, a narradora Sonsoles Penadique traerá o seu contacontos ‘O chintófano de Dorothé’. 

 A alcaldesa do Rosal salientou que “os Venres Rebuldeiros consolidáronse como un ciclo cultural imprescindible, que achega ás familias e á veciñanza espectáculos de calidade e fomenta o gusto pola lectura, a imaxinación e a convivencia”. 

 Con esta nova edición, o Concello do Rosal reafirma a súa aposta por unha programación cultural diversa, accesible e pensada para todas as idades, ofrecendo cada mes espazos de encontro arredor da literatura e das artes escénicas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario