5 de set. de 2025

O ROSAL

O Rosal leva o seu modelo de transformación ante a xeración Z canaria  

 A alcaldesa presentou a vila como exemplo de calidade de vida e innovación municipal en Tenerife nun evento convocado pola Fundación Siglo XXI   

 

A alcaldesa de O Rosal, Ánxela Fernández Callís, participou na mesa redonda “Liderado municipal Z: unha nova ollada desde a xestión municipal en municipios afectados polo reto demográfico”
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 Un pequeno municipio galego de menos de 10.000 habitantes está a inspirar grandes cambios en Canarias. O Rosal foi convidado a participar no campus de verán da Fundación Siglo XXI en Tenerife, un espazo onde a Xeración Z reflexiona sobre identidade, polarización e o futuro do arquipélago. 

 A alcaldesa de O Rosal, Ánxela Fernández Callís, participou na mesa redonda “Liderado municipal Z: unha nova ollada desde a xestión municipal en municipios afectados polo reto demográfico”, compartindo espazo con Raúl García, alcalde de Laguardia (País Vasco); Diana Lorenzo, deputada pola illa de La Palma; e Julio Mateo, tenente de alcalde de Gáldar (Canarias). 

 Durante o seu relatorio, a alcaldesa presentou ao Rosal como un exemplo de transformación orientada á calidade de vida, facendo un percorrido polas iniciativas que fixeron posible que a vila se converta nun referente. Entre estas, destacou a remodelación da praza do Calvario, unha intervención complexa que agora é punto de encontro cultural e de lecer; a creación de novos espazos de convivencia nas zonas rurais; a aposta polo ensino de proximidade coa mellora das escolas rurais; a implementación de sendas peonís seguras; e a oferta de actividades para todas as idades. 

 “Queremos que O Rosal sexa un lugar onde vivir sexa unha experiencia completa, con calidade de vida, oportunidades e coidado da nosa contorna natural”, subliñou a rexedora, que salientou que “o noso éxito non sería posible sen o traballo conxunto co tecido social, cultural, deportivo e veciñal, que camiñou connosco cara esta transformación”. 

 O Rosal tamén se destacou pola súa aposta pola sustentabilidade, promovendo proxectos que combinan conservación, inclusión e actividade económica nunha contorna natural privilexiada. Unha aposta decidida que está a dar os seus froitos, xa que sitúan ao concello entre os que máis medran en poboación nos últimos anos, consolidando a vila como modelo de innovación e planificación municipal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario