A Inspección sanciona a Ilunion por incumprir a sentenza sobre o tempo do bocadillo
• A representación da CIG na empresa do Grupo ONCE presentará unha demanda de execución forzosa diante do Xulgado do Social
Infogauda / Vigo
A Inspección de Traballo e Seguridade Social vén de constatar oficialmente que Ilunion Servicios Industriales, centro especial de emprego do Grupo ONCE que presta servizo en compañías da automoción, incumpre a sentenza firme do Xulgado do Social número 4 de Vigo e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que recoñece o dereito do seu persoal a computar o tempo de bocadillo como tempo efectivo de traballo. Ante esta negativa empresarial, a ITSS abriu expediente sancionador contra a compañía.
O informe da ITSS do 9 de xullo de 2025 recolle que a empresa mantén nos seus calendarios laborais de 2023, 2024 e 2025 unha xornada diaria de sete horas e 48 minutos, restando de forma ilegal os 12 minutos de pausa do bocadillo, a pesar de que a sentenza do Social (ratificada polo TSXG) estableceu de maneira firme que este tempo debe computarse como tempo efectivo de traballo para todas as persoas traballadoras, con independencia da súa data de contratación.
O organismo inspector lembra que este tipo de sentenzas colectivas teñen efecto normativo e vinculante, polo que deben de aplicarse de maneira inmediata e xeral a todo o cadro de persoal, e subliña que a empresa pode e debe modificar os seus calendarios laborais para fixar a xornada diaria real de oito horas. A súa negativa a facelo, engade a ITSS, supón unha vulneración do artigo 34.4 do Estatuto dos Traballadores/as e un incumprimento directo dunha sentenza firme.
Un conflito que vén de lonxe
O litixio arrinca en 2017, cando Ilunion decidiu introducir unha cláusula nos novos contratos pola que deixaba de computar como traballo efectivo o tempo de bocadillo, mantendo ese dereito só para as persoas contratadas con anterioridade. A CIG considerou que esta práctica supuña unha discriminación interna e unha vulneración do principio de igualdade, polo que presentou demanda de conflito colectivo.
En setembro de 2024, o Xulgado do Social número 4 de Vigo deulle a razón ao comité de empresa, presidido pola CIG, e en marzo de 2025 o TSXG confirmou a sentenza en todos os seus termos, declarando ilegal o criterio discriminatorio da empresa e obrigando a recoñecer este dereito ao conxunto do persoal.
A negativa de Ilunion e a resposta sindical
Malia as resolucións xudiciais Ilunion persiste en negarse a aplicar a sentenza. Nun escrito remitido á Inspección de Traballo chegou a alegar que o fallo era “meramente declarativo” e, polo tanto, de “imposible cumprimento”. Agora a ITSS desmonta esa argumentación lembrando que as sentenzas colectivas teñen efecto vinculante e ex tunc, é dicir, deben de aplicarse con carácter retroactivo desde polo menos o ano anterior á presentación da demanda (xullo de 2023).
Dende a CIG denuncian que “Ilunion mantén unha actitude de rebeldía fronte á lei e fronte ás resolucións xudiciais, negándose a recoñecer dereitos fundamentais do seu persoal”, polo que anuncian que presentará demanda de execución forzosa ante o Xulgado do Social nº 4 de Vigo para obrigar a empresa a cumprir a sentenza firme, ademais de reclamar as compensacións económicas correspondentes polas horas descontadas ilegalmente nos anos 2023, 2024 e 2025.
Un precedente clave para o sector
A resolución da ITSS vén reforzar o camiño aberto pola sentenza do TSXG, consolidando un precedente fundamental non só para Ilunion senón para todo o sector, no que seguen a darse prácticas semellantes de exclusión do tempo de bocadillo.
“Estamos diante dunha vitoria xurídica e sindical moi importante, pero tamén dunha mostra da prepotencia empresarial que se nega a cumprir coa lei. Agora toca dar o seguinte paso xudicial para facer valer os dereitos das persoas traballadoras”, conclúe a representación da CIG.
Ningún comentario:
Publicar un comentario