18 de ago. de 2025

PONTEVEDRA

A Deputación estima que a colleita da uva comezará na primeira semana de setembro para as viñas máis temperás 

 O persoal técnico de Areeiro recomenda preparar as adegas e os medios necesarios para a vendima aproveitando que a meteoroloxía permanece estable


Nestes momentos, a previsión de data de inicio da colleita é para a primeira semana de setembro, no caso das viñas máis temperás, e na segunda para o resto
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra, a través do novo aviso fitosanitario do persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, estima que a vendima está próxima polo que aconsella preparar as adegas e os medios necesarios para ese labor, aproveitando que a meteoroloxía permanece estable. Nestes momentos, a previsión de data de inicio da colleita é para a primeira semana de setembro, no caso das viñas máis temperás, e na segunda para o resto. Tamén a última semana de agosto podería destinarse ao viños espumosos e os pés de cuba. En calquera caso, a colleita prevese moi boa ou incluso excelente.  

 Con todo, o persoal de Areeiro advirte que o máis destacable desta semana son as patoloxías da madeira a causa da actual meteoroloxía. Estanse a manifestar en moitas plantas, incluso nalgunhas que sustentan unha excelente cantidade de acios en bo estado e que se están a murchar rápida ou progresivamente debido a estes fungos. Lémbrase que as plantas e os brazos mortos hai que eliminalos canto antes, para evitar que en condicións favorables poidan producir esporas que contaminen as plantas sas. Ademais, nestes momentos é moito máis sinxelo visualizar as partes sintomáticas. Se non se poder facer, é aconsellable marcar ben as plantas ou brazos afectados para eliminalos despois da vendima ou o máis axiña posible, sempre en tempo seco e desinfectando os útiles de corte.  

 Tamén os golpes de sol se incrementaron sensiblemente, así como os danos por paxaros e por avespas, tanto as comúns como as asiáticas. En canto ao mildio apareceron novas frutificacións do patóxeno en follas, tanto a partir de manchas antigas como en calquera parte do limbo. En xeral, son máis abundantes nas viñas con brotes novos, con maior frondosidade e, por tanto, con zonas que permaneceron pouco accesibles aos funxicidas ou onde transcorreu maior intervalo de tempo desde a última intervención. Deste xeito, Areeiro recomenda non descoidar as labores culturais de roza ata o final da campaña. A información completa do aviso fitosanitario pódese consultar no sitio web da Estación Fitopatolóxica do Areeiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario