20 de ago. de 2025

PATRIMONIO

Os traballos impulsados pola Xunta de Galicia na igrexa de Esperante, en Lugo, sacan á luz unha ventá do prerrománico asturiano 

  O director xeral de Patrimonio Cultural visitou o templo no que os estudos previos dirixidos a planificar a restauración deron lugar a esta descuberta

  Ángel Miramontes salienta o “relevante do achado” que será analizado por especialistas para poder “facer as interpretacións oportunas”


Os traballos impulsados pola Xunta de Galicia na igrexa de Santa Olaia de Esperante, en Lugo, sacaron á luz unha ventá cunha tipoloxía que corresponde co prerrománico asturiano
Foto: X.G.

Infogauda / Lugo

 Os traballos impulsados pola Xunta de Galicia na igrexa de Santa Olaia de Esperante, en Lugo, sacaron á luz unha ventá cunha tipoloxía que corresponde co prerrománico asturiano. Así o comprobou hoxe o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, nunha visita realizada ao templo, na que salientou a “relevancia deste importante achado, descuberto nos estudos previos que se estaban a realizar para acometer a restauración deste ben do medievo”.  

 O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude explicou que, como resultado dos traballos arquitectónicos e arqueolóxicos que realizaron os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para preparar a futura actuación, “apareceu na fachada leste da ábsida unha fiestra de tres arcos con columniñas con bases, fustes e capiteis de mármore cunha tipoloxía claramente do prerrománico asturiano”. Neste senso, apuntou que se trataría dunha fiestra similar ás que existen nas igrexas de San Tirso de Oviedo, San Pedro de Nora, Santa María de Bendones, San Julián de Prados ou San Salvador de Valdedios, próximas todas á cidade de Oviedo.  

 “A data de hoxe parece que é a única en Galicia con estas características”, avanzou Ángel Miramontes, quen, en todo caso, remarcou que agora será necesario levar a cabo o estudo po parte de diferentes especialistas “para poder facer as interpretacións oportunas” deste e doutros achados. Precisamente, informou de que as escavacións deixaron á vista “restos de muros de edificacións anteriores e elementos construtivos de posible tipoloxía romana, entre os que se atopan grandes sillares con almofadillado nas bases das pilastras que son os que soportan os arcos embebidos na fachadas norte e sur da igrexa”.  

 Por estes motivos, anunciou que se estudará dun xeito máis profuso os restos e os achados atopados coa pretensión “de seguir investigando os elementos aínda ocultos deste monumento rico e complexo que axuden a interpretar a historia deste singular monumento e das súas diferentes etapas construtivas”.  

 Finalmente, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude encadrou estes traballos dentro do “total compromiso” do Goberno galego coa restauración e conservación de todos os bens patrimoniais do territorio da Comunidade, “e tamén coa posta en valor e divulgación dos que, a través deste novos achados, estamos a descubrir”, concluíu.

Ningún comentario:

Publicar un comentario