1 de ago. de 2025

GALIZA

A CIG exixe á Xunta de Galiza a convocatoria urxente dunha reunión para acordar medidas preventivas e protocolos no SAF 

 A central sindical desenvolveu máis de 50 mobilizacións por todo o país nas que se lembrou á compañeira Teresa e ten convocada folga no sector para o 13 de agosto 


Concentración diante do Concello de O Porriño
Foto: CIG

Infogauda / Galiza

 A CIG mobilizouse este venres en máis de 50 concellos de todo o país para exixirlle á Xunta de Galiza e aos Concellos a aplicación inmediata de medidas efectivas que garantan a seguridade e integridade de todas as traballadoras dos servizos de axuda no fogar. Con estas protestas descentralizadas, a CIG tamén quere render homenaxe a Teresa, asasinada no Porriño mentres realizaba o seu traballo, trasladar unha mensaxe de solidariedade á súa familia e compañeiras, e visibilizar a desprotección e a precariedade á que están sometidas as traballadoras dos coidados, nomeadamente na atención que se presta nos domicilios particulares. 

 Na concentración do Porriño, que tivo carácter nacional, púxose en evidencia a inacción da Xunta de Galiza que, 72 horas despois do asasinato de Teresa, segue sen adoptar ningunha medida concreta, máis alá das declaracións de intencións nos medios de comunicación.  

A Xunta, cómplice da desprotección 

 O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembrou que na mañá do mércores a central nacionalista dirixiuse por escrito ao presidente da Xunta, á conselleira de Política Social e á FEGAMP para solicitar a convocatoria urxente dunha reunión coas organizacións sindicais e patronal do sector co obxectivo de acordar un plan de prevención de riscos e un protocolo de prevención fronte ao acoso e ás agresións de obrigado cumprimento en todos os SAF de Galiza. 

 “O tempo que a Xunta de Galiza tarda en convocar esta xuntanza é tempo no que está sendo cómplice do risco grave e inminente ao que están expostas as traballadoras do SAF. O Goberno galego, coa súa conselleira á cabeza, non pode continuar eludindo as súas responsabilidades. A prestación deste servizo público esencial é unha competencia que a Xunta transferiu aos Concellos, sen recursos suficientes e promovendo un modelo de privatización e mercantilización dos coidados que está na base da precariedade e das condicións de escravitude deste persoal”, denunciou Carril.  

 Por iso, reiterou a exixencia á Xunta e á FEGAMP de convocar esa xuntanza con carácter de urxencia e, como mínimo, pactar que ante a existencia dunha denuncia ou comunicación dun posíbel caso de acoso, estea xustificada a ausencia ao posto de traballo; e que, no momento no que se reciba unha queixa de acoso dunha traballadora se suspenda cautelarmente o servizo, activándose o protocolo de acoso. 

 Xunto a isto, a CIG reclama que se se realicen xa as avaliacións de riscos, incluídos os psicosociais, en todos os domicilios; e habilitar un servizo efectivo para presentar calquera incidencia e dar traslado inmediato ás delegadas de prevención. 

 “Estes son os catro puntos que a central nacionalista entende que hai que aprobar xa e que deben ser de aplicación obrigada a todos os servizos de axuda no fogar, tanto de xestión directa como de xestión privatizada”, aseverou. E salientou que, malia os intentos da conselleira Fabiola García de desviar responsabilidades a Concellos e empresas concesionarias, “non se poden negociar medidas efectivas sen o acordo de Política Social, porque é que ten a última palabra na decisión de suspender o servizo a unha persoa usuaria”.  

A CIG personarase na causa 

 O secretario xeral tamén reiterou que a CIG se personará na causa xudicial polo asasinato de Teresa “e buscaremos que se depuren todas as responsabilidades penais e políticas que correspondan polo asasinato dunha traballadora durante as súa xornada laboral, ademais da empresa, estendendo esas responsabilidades á Xunta e ao Concello”.  

 Xunto a isto, sinalou que “seguimos á espera de que o Concello do Porriño actúe e proceda á suspensión cautelar do servizo á actual concesionaria, mentres non se garantan a seguridade e a integridade das traballadoras”. E lembrou que a CIG presentou denuncia na Inspección de Traballo con esta mesma petición e solicitando que se investigue a falta de avaliación de riscos e de medidas de seguridade da empresa concesionaria do SAF do Porriño. 

Folga o 13 de agosto 

 A morte violenta de Teresa manifesta a total precariedade e abandono das traballadoras dos servizos de axuda no fogar. “A CIG entende que este dramático suceso non pode quedar sen resposta e ten que constituír un antes e un despois nas condicións nas que se presta este servizo público esencial”, valorou Carril.  

 Por iso, a central xa ten convocada para o mércores 13 de agosto unha xornada de folga nos SAF de toda Galiza e anima as traballadoras a transformar a indignación polo asasinato de Teresa nunha loita para avanzar na dignificación real das condicións laborais, salariais e sociais, nos plan de prevención e protocolos de actuación “que tantos anos levamos reivindicando dende a CIG e o sector sen resposta ningunha das administracións e das empresas”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario