27 de ago. de 2025

GALICIA

A Xunta de Galicia detecta cinco novos focos de gripe aviar en aves silvestres 

   Corresponden a catro exemplares de gaivota patiamarela (Larus michahellis) e un exemplar de gaivota sombría (Larus fuscus), recollidos nas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra  

   Trátase dos primeiros focos confirmados na nosa comunidade autónoma neste 2025  

  Con respecto á notificación destes focos en Galicia, ao tratarse de aves silvestres, non supón restricións adicionais ás que estaban en vigor


Gaivotas
Foto: Santiago Baz Lomba

Infogauda / Galicia 

 A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de cinco exemplares de aves silvestres afectadas por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), resultado confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).  

 Trátase de catro gaivotas patiamarelas atopadas en Arteixo, Abegondo e Miño (A Coruña), e en Foz (Lugo), e unha gaivota sombría atopada en Bueu (Pontevedra), que xa foron trasladadas aos Centros de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros (A Coruña), Carballedo-Cotobade (Pontevedra) e O Veral (Lugo). As aves foron mostrexadas para proceder á análise laboratorial, eliminándose os cadáveres conforme á normativa en vigor. Estes casos son os primeiros confirmados na nosa comunidade autónoma no ano 2025 e, ao tratarse de aves silvestres, non supoñen restricións adicionais ás que estaban en vigor.  

 Actualmente en Galicia non hai medidas especiais de restrición, agás algunhas medidas de prevención sanitaria aplicables aos concellos que pertencen ás denominadas Zonas de Especial Risco (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa na provincia de Pontevedra; Cerceda, Ordes e Tordoia na provincia de A Coruña; e Xove na de Lugo), medidas relacionadas fundamentalmente coas condicións de cría de aves ao aire libre e a celebración de concentracións de aves. Dependendo da evolución da situación epidemiolóxica, situación revisada semanalmente en base a indicadores de risco epidemiolóxicos, estas medidas poderían ser modificadas e/ou estenderse a outras zonas.  

Medidas de bioseguridade 

 Dada a relevancia do sector avícola en Galicia, desde a Consellería do Medio Rural insístese na importancia de reforzar as medidas de bioseguridade das nosas explotacións avícolas, tanto das industriais como das particulares, especialmente as destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como intensificar a vixilancia  das aves domésticas e silvestres, comunicando de inmediato aos Servizos Veterinarios Oficiais calquera sospeita da enfermidade. No caso das aves silvestres esta comunicación pódese levar a cabo a través do teléfono de atención á cidadanía 012.  

 Cómpre lembrar que o serotipo vírico detectado (H5N1) non ten demostrado carácter zoonótico, polo que non supón un perigo de infección para as persoas, aínda que, por un principio básico de bioseguridade, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e comunicar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Ningún comentario:

Publicar un comentario