BALONMÁN FEMININO
O Mecalia Atlético Guardés inicia a tempada co reto de Zonzamas
• Na primeira xornada da Liga Guerreras Iberdrola 2025/2026 visita este sábado ao Zonzamas Plus Car Lanzarote (20.00 horas, 21.00 hora peninsular)
• Malia estrearse como recentemente ascendido na categoría, este rival deu moito que falar polos seus movementos no mercado de fichaxes, conformando un plantel que impresionou tamén durante a pretempada
• Viaxarán tódalas xogadoras do plantel guardés, incluíndo a Ceci Cacheda e Nerea Gil, que descansaran nos últimos encontros de pretempada debido a lesións leves
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés enfróntase ao momento máis esperado. A Liga Guerreras Iberdrola 2025/2026 comeza para o equipo miñoto este sábado 30 de agosto ás 20.00 horas (21.00 hora peninsular) no feudo do Zonzamas Plus Car Lanzarote. Un partido desafiante contar unha das novas promesas da tempada e que será a oportunidade perfecta para que o novo Guardés poña a proba ao seu cadro de persoal renovado, do que sumarán minutos tódalas súas xogadoras tras ter descansado e quentado o necesario ao longo da pretempada.
O Mecalia chega ao partido con ganas de demostrar que mantén a fame que tanto o caracterizou o curso pasado. Malia ter xogado unha pretempada máis ben irregular, que foi de menos a máis comezando con dúas derrotas que deixaban ver desaxustes no novo equipo (19-21 contra São Pedro do Sul, no Trofeo Festas do Monte, e 19-23 contra Bera Bera, no Memorial Juan Rodríguez); o equipo chega tras unha fin de semana moi satisfactoria no Summer Bag de Villacelama. Alí, as de Ana Seabra deron a súa mellor versión para empatar contra un Costa del Sol Málaga ao que logo venceron nos sete metros (26-26; 29-27 final), e volveron a casa co trofeo do segundo posto tras caer por pouco máis cá mínima de novo contra o seu vello coñecido donostiarra (28-26). Unha última derrota que debe lerse no seu contexto, pois o Guardés loitou con unllas e dentes ata lograr remontar nove goles ao Bera Bera e quedar moi preto da coroa do torneo leonés.
Un balance positivo que, alén dos resultados, extráese das grandes actuacións de varias das súas novas incorporacións. Sabina Mínguez foi unha estrela na portería, responsable directa desa vitoria en semifinais decidida na liña de penaltis, se ben tamén destacou a garra de Lorena Téllez e Anouk Nieuwenweg, dúas novas laterais, así coma a potencia dende o extremo de Ariana Portillo. Sumaron minutos igualmente prometedoras a nova primeira liña Rosane Serrano e a gardameta Amandine Balzinc, que terán moito que dicir nas posibilidades do Guardés esta tempada. A última das novas fichaxes, Nerea Gil, descansou a pasada fin de semana para asegurar a súa recuperación de cara ao inicio ligueiro tras unha leve escordadura de xeonllo; como tamén foi o caso da central Ceci Cacheda, que sufrira un forte golpe no costado durante o adestramento semanas atrás.
Con todo o cadro de persoal coas baterías recargadas e activo, incluíndo a unha Elena Martínez que segue a recobrar a súa característica confianza tras o seu regreso ás pistas, o conxunto miñoto viaxará este sábado ao mediodía en avión ata as illas. Unha travesía que estará marcada pola ilusión do novo curso, pero tamén pola seriedade habitual coa que o conxunto dirixido por Ana Seabra afronta cada partido.
E é que a ocasión meréceo, pois o Zonzamas non é un rival que haxa que subestimar. Recentemente ascendido á categoría tras unha tempada impresionante en Ouro, que finalizou no primeiro posto con seis puntos de diferenza sobre o segundo, o equipo canario deu moito que falar nos últimos meses. Primeiro, polas novas incorporacións ao equipo de Juanmi Pérez, que inclúen nomes tan destacados coma Alicia Robles, Marie Louis, Daniela Jerónimo, Lorena Zarco ou a ex do Guardés, Pauli Fernández. E despois, polos grandes resultados da súa pretempada, na que vén de facerse campión da Copa Canarias e na que goleou ao San José Obrero (31-21) e venceu pola mínima ao Balonmano Porriño (23-22). Unha serie de factores que prometen un inicio ligueiro cheo de emocións para un Mecalia que chegará coas mesmas ganas e a mesma forza, aínda que renovada, que lle fixo vivir unha tempada inesquecible o ano pasado.
Ana Seabra: “Seguimos tendo unha filosofía de ir partido a partido”
A adestradora do Guardés, Ana Seabra, declarou que “comezamos a Liga con moitas ganas e ilusión”, pero conscientes do reto que supón “un equipo que ascendeu e que tamén ten moitas ganas de facer as cousas ben, e xogará na súa casa”.
Contra iso, a técnica manterá a mentalidade de traballo do curso pasado: “Ímonos centrar claramente nos obxectivos que temos, co respecto que nos merece o traballo de todos e sendo conscientes de que non vai ser unha viaxe a Lanzarote de paseo”. A concentración, a disciplina e a confianza no equipo serán chave para as súas no que se prevé coma un partido complexo. “Teremos que traballar moito para traer os dous puntos á casa”, indica a preparadora guardesa.
Sobre o que esperar das súas nesta nova tempada, Seabra quixo destacar os bos progresos do equipo durante a pretempada, na que foi “medrando pouco a pouco e gañando sensacións”. Polo demais, rexeita coma sempre predecir a longo prazo: “Seguimos tendo unha filosofía de ir partido a partido e semana a semana”. O primeiro, este sábado en Lanzarote.
AXENDA
Liga Guerreras Iberdrola - Xornada 1
Zonzamas Plus Car Lanzarote – Mecalia Atlético Guardés
Sábado, 30 de agosto, ás 20.00 horas (21.00 hora peninsular)
Ciudad Deportiva Lanzarote
Ningún comentario:
Publicar un comentario