18 de ago. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN 

O Club Balonmán Atlético Guardés presentarase ante os seus 

Este xoves 21 de agosto, ás 20.30 horas, o auditorio de San Bieito, no porto da Guarda acollerá a habitual presentación dos equipos do Club Balonmán Atlético Guardés 

No acto, farase balance da pasada tempada e do momento actual do Club, ademais de coñecerse tódolos detalles sobre o curso vindeiro, coma a nova equipación do primeiro equipo ou as novidades na composición da base, entre outras 



Redacción Deportes / A Guarda

 O Club Balonmán Atlético Guardés ten todo preparado para presentarse en sociedade un ano máis. Este xoves, 21 de agosto, ás 20.30 horas, o Auditorio de San Bieito acollerá a tradicional presentación do primeiro equipo e a base do club miñoto ante o pobo da Guarda, nun acto onde se detallarán tódalas novidades da tempada que comezará a seguinte semana. 

 O evento estará, coma cada ano, dedicado a facer un balance da pasada tempada e os logros conseguidos tanto polo Mecalia Atlético Guardés de División de Honra coma polas categorías da base do Club. Tamén se incluirán as habituais mencións especiais que adoita incluír o acto, coma a escolla da mellor xogadora por parte dos traballadores e traballadoras da empresa Mecalia. 

 Pero o centro da presentación, coma non pode ser doutro xeito, ocuparase de desvelar tódalas novidades da vindeira tempada 2025/2026, que o primeiro equipo inaugurará o 30 de agosto en Lanzarote, e da que xa disputaron os seus primeiros encontros algunhas categorías da base. A nova equipación, a presentación ante a afección das sete novas fichaxes, ou as declaracións da nova capitá do cadro de persoal, María Sancha, serán os momentos máis destacados a este respecto. 

 Haberá tempo, por último, para algunhas sorpresas, así como para o recoñecemento do labor de quen, despois dun paso histórico polo Guardés e os seus distintos equipos, non formarán parte xa do Club este próximo curso. Dedicarase tamén un pequeno espazo para homenaxear ao deporte guardés no seu conxunto, recoñecendo os últimos logros dalgunhas das súas personalidades. 

 Todo isto, como vén sendo habitual, coa representación dos principais patrocinadores e autoridades colaboradoras co Club, que tamén serán debidamente recoñecidos durante o acto.  

 A presentación do Club enmárcase no medio da pretempada do Mecalia Atlético Guardés, que a pasada fin de semana viviu dúas intensas xornadas de balonmán como anfitrión na Sangriña, co Trofeo Festas do Monte Santa Trega ante o AA São Pedro do Sul (19-21) e o primeiro partido Memorial Juan Rodríguez Pérez ante o Super Amara Bera Bera (19-23). Os amigables continuarán o día posterior á presentación oficial, coa participación do equipo no Torneo Summer Bag de Villacelama (León) o venres e sábado 22 e 23 de agosto. A Liga Guerreras Iberdrola, pola súa parte, comezará unha semana despois.


Ningún comentario:

Publicar un comentario