12 de ago. de 2025

A CORUÑA

O Festival Viñetas desde o Atlántico ofrece este mércores unha xornada repleta de cómic, obradoiros, sinaturas e cine 

 Presentacións, contacontos ilustrados, visitas guiadas, obradoiros especializados e o espectáculo Viñetas Late Night protagonizan a programación do 13 de agosto en A Coruña




Infogauda / A Coruña 

 O Festival Internacional da Banda Deseñada Viñetas desde o Atlántico continúa este mércores 13 de agosto cunha intensa programación que encherá a cidade de actividades para todos os públicos, desde presentacións de novidades editoriais e obradoiros profesionais ata espectáculos de música e cine vinculados ao cómic.

A xornada abrirase ás 11:00 horas coa presentación de Historias do páramo, a cargo de Alexandre Senande e Pjota, na Rúa da BD, en colaboración con Komic Librería. Á mesma hora, na Biblioteca Municipal de Estudos Locais, celebrarase o obradoiro «Espada y pluma: creación dun cómic histórico», impartido por Jorge Esteban Urabayen (inscrición previa na web de Bibliotecas).

 Ás 12:00 horas, o público poderá asistir á presentación de Sentinelas da lúa carmesí e Sentinelas no limiar das tebras, con Andrés Castro, Ozo Perozo e Alexandre Senande (tamén en colaboración con Komic Librería), así como á sesión infantil «O contacómic» con Pablísimo na Biblioteca Municipal Castrillón (inscrición previa). Tamén ás 12:00 terá lugar unha visita guiada á exposición dos XIX Premios Castelao, con Sandra Lodi e Laura Suárez, na Sala Salvador de Madariaga. 

 Pola tarde, ás 17:00 horas, haberá sesión de sinaturas na Rúa da Banda Deseñada con Dave Cooper, Don Rogelio J e Magius. Ás 18:00 horas, o espectáculo infantil «O contacómic» con Pablísimo chegará á Biblioteca Municipal Os Rosales (inscrición previa). 

 O Teatro Colón acollerá ás 19:00 horas a proxección de Quinografía, dentro de Viñetas Show. Media hora máis tarde, ás 19:30 horas, o público infantil poderá gozar dun novo Contacómic con Juan Rodríguez na Carpa RúaBD (a partir de 3 anos, en colaboración con Galgo Azul).

 A xornada pecharase no Teatro Colón, ás 21:00 horas, cunha nova entrega do Viñetas Late Night «Música & BD», que reunirá a Magius, Fermín Solís e Don Rogelio J nun espectáculo que mestura historieta e música en directo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario