18 de xul. de 2025

VIGO

A CIG convoca unha xornada de paros e concentracións en Unísono Vigo contra a precariedade laboral 

 O próximo luns, 21 de xullo, en quenda de mañá e tarde 


Coincidindo coas folgas parciais, a CIG tamén ten convocadas dúas concentracións diante das oficinas da empresa (Gran Vía 110). A imaxe, corresponde a unha mobilización precedente
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 A CIG ten convocada unha xornada de paros parciais e concentracións para o vindeiro luns, 21 de xullo, en Unísono Soluciones de Negocio (Grupo Intelcia), en resposta á nula vontade da empresa para resolver as diferentes problemáticas laborais que se están a rexistrar en todas as campañas. 

 Os paros desenvolveranse de 11:00h a 13:00 horas na quenda de mañá e de 17:00 a 19:00 horas na quenda de tarde. Coincidindo coas folgas parciais, a CIG tamén ten convocadas dúas concentracións diante das oficinas da empresa (Gran Vía 110), no seguinte horario: 

11:30h a 12:30h pola mañá  

17:30h a 18:30h pola tarde 

 O pasado mes de xuño, a representación da CIG fíxolle chegar á dirección de Unísono  o malestar do persoal polo empeoramento significativo das condicións laborais en todas as campañas que se prestan na plataforma de Vigo (Abanca, Naturgy, Iberdrola, Sabadell, Nespresso, Port Aventura, Ocaso, etc.), solicitando unha reunión para abordar solucións e medidas. Porén, “non houbo vontade por parte da mercantil para sentar a negociar”. 

 Abuso na contratación fixa-descontinua, imposibilidade de conciliación, traballo en operativas complexas cobrando o SMI porque a empresa só recoñece a categoría de teleoperador/a, presións insoportábeis, restricións no uso das horas médicas, incentivos cada vez máis escasos e imposíbeis de acadar, ou xornadas abusivas son algunhas das moitas problemáticas que padecen as persoas traballadoras dende hai anos, pero que se agudizaron nos últimos meses. 

 Ante a pasividade da empresa, a sección sindical da CIG acordou dar un paso adiante e convocar esta xornada de paros parciais para dicirlle á empresa que xa abonda de abusos, presións e precariedade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario