López Campos celebra que Vigo estea máis preto de ter “a biblioteca que merece e pola que traballamos desde a Xunta”
• No encontro, o representante do Goberno central anunciou a licitación da redacción do proxecto para o que o Concello de Vigo ten que ceder o terreo
• O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e o ministro de Cultura visitaron a parcela na que se vai construír a infraestrutura de 8.000 m2
Infogauda / Vigo
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, celebrou hoxe que Vigo estea “un paso máis preto de ter a biblioteca que merece“. Fíxoo tras visitar xunto co Ministro de Cultura, Ernest Urtasun, a parcela na que o Goberno central ten previsto construír esta infraestrutura.
“Este é un proxecto cultural estratéxico no que vimos traballando e co que estamos comprometidos”, afirmou antes de agradecer que “ao fin se dean novos avances por parte do Executivo central para que esta biblioteca sexa unha realidade o antes posible”. Tal e como lembrou, para conseguilo é fundamental que o Concello de Vigo complete os trámites para a cesión do terreo.
Así, tras anunciar Urtasun a licitación da redacción do proxecto, o responsable de cultura do Goberno autonómico destacou que “Vigo vai contar cun centro dunha magnitude acorde ás necesidades desta urbe, adecuándose ao plan de necesidades proposto pola Xunta no ano 2020 e que xa se está actualizando para adaptalo ao momento actual”, engadindo que “está chamado a ser un dos grandes equipamentos culturais de Galicia, xunto co Teatro Cine Fraga, tamén en Vigo”. Referiuse así “ao compromiso que logramos por parte do Ministerio de Cultura” con desenvolver un espazo duns 8.000 m² aproximadamente, atendendo, segundo puntualizou, á proposta realizada desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude que desbotaba a idea inicial do Goberno central e do Concello vigués na que se contemplaba a metade do tamaño.
Deste xeito, López Campos fixo fincapé en que se trata dun proxecto no que as tres administracións “debemos coordinarnos para acadar unha biblioteca que dea o servizo adecuado para a densidade de poboación coa que conta a cidade e atendendo ao tamaño medio destas infraestruturas construídas polo Ministerio”. Neste senso, lembrou a intervención do Concello na cesión dos terreos para comezar co proceso de edificación, o papel do Goberno central, que executa a obra e equipa o inmoble, e o da propia Xunta, que pasará a xestionar a nova sede da Biblioteca Central Territorial de Vigo cos orzamentos propios da Comunidade, tal e como se leva a cabo con outros equipamentos deste tipo.
Así mesmo, o responsable da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor a boa disposición da Administración autonómica para favorecer o entendemento e cooperar coa institución local en proxectos de grande importancia para a cidade como é o caso desta infraestrutura ou a tramitación do túnel de Elduayen.
Rede bibliotecaria en Vigo
Vigo conta na actualidade con cinco bibliotecas, tres delas privadas e dúas de titularidade pública, a Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas e a xestionada pola Xunta de Galicia, a Biblioteca Pública Juan Compañel. Esta última está instalada nun edificio de 3.000 m² e recibe ao redor de 300.000 visitas anuais. Alberga unha colección de 165.000 documentos e realiza máis de 200.000 préstamos anuais, pero debido ás súas dimensións non pode satisfacer as demandas sociais. É por iso que desde o primeiro momento, a Xunta considerou necesario incrementar na nova biblioteca a capacidade do actual edificio tendo en conta, ademais, que o tamaño medio das bibliotecas construídas polo Ministerio de Cultura é de entre 6.000 e 6.500 m².
Ningún comentario:
Publicar un comentario