A CIG advirte que o servizo de correos está ao borde do colapso en toda a área de Vigo
Infogauda / Vigo
A CIG-Correos advirte do colapso na que se atopa o servizo de correos en toda a área de Vigo, con miles de envíos sen repartir pola falta do persoal necesario. A central sindical reclama a inmediata cobertura de todas as prazas que están sen cubrir, xa sexa por atoparse os traballadores e as traballadoras de vacacións ou as ausencias por incapacidades.
Sinalan que no pasado verán a situación xa foi difícil, “pero agora mesmo é insostíbel”; e denuncian que o servizo non está a cumprir os parámetros de calidade que debe garantir a empresa pública, como prestador do Servizo Postal Universal.
“Hai envíos que non están a chegar en tempo e forma, o que supón un claro prexuízo para toda a cidadanía e unha alteración grave en determinados casos de prazos”, alertan. Como exemplo expoñen a situación provocada pola recente decisión de pechar a oficina que Correos tiña no porto pesqueiro.
O sector da CIG critica que co número de persoal existente “é imposíbel ofrecer un servizo de calidade” e ademais de xerar un problema para a poboación, a sobrecarga laboral “ten consecuencias negativas na saúde do persoal de Correos”. Neste sentido, cualifican de “pandemia silenciosa” a cantidade de incapacidades temporais existentes na empresa e os numerosos os casos de estrés e ansiedade derivados da situación nos centros de traballo. Así mesmo, “constátase un aumento de tensión e mal ambiente nos centros de traballo que en opinión da CIG resulta preocupante”.
A central sindical vai a demandar da empresa a posta en marcha de unha avaliación psicosocial en todos os centros de traballo, reservándose a posibilidade de presentar denuncia polo que consideran “unha posíbel actuación que atenta contra a saúde das persoas traballadoras, ao sometelas cada día unha esixencia asfixiante, con novidades constantes na organización do traballo e con cada día menos persoal”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario