11 de xul. de 2025

TUI

A Asociación Mulleres en Igualdade de Tui (Amei Tui) é beneficiaria do Plan Social de Ence 2024 e impulsa o proxecto Contos Coeducativos 




Amei / Tui

 A Asociación Mulleres en Igualdade de Tui (Amei Tui) foi seleccionada como unha das entidades beneficiarias do Plan Social de Ence 2024, unha convocatoria de apoio a iniciativas con impacto social promovida por Ence – Enerxía e Celulosa na provincia de Pontevedra. 

 Grazas a este apoio, Amei Tui está a desenvolver o proxecto "Contos Coeducativos Ence", unha proposta educativa que ten como obxectivo fomentar a igualdade, a corresponsabilidade e o respecto polo medioambiente entre o alumnado de educación infantil e primaria dos concellos de Poio, Marín e Pontevedra. 

Libros e talleres para educar en valores 

 A iniciativa contempla a creación e distribución gratuíta de dous contos ilustrados, elaborados con enfoque coeducativo, e dirixidos a promover valores de igualdade de xénero, reparto equitativo de tarefas e conciencia ambiental. 

 Ademais, o proxecto inclúe a realización de talleres participativos nos centros escolares, nos que se traballarán os contidos dos contos con metodoloxías activas e adaptadas ás idades do alumnado. 

 O proxecto chegará a máis de 1.250 escolares e ás súas familias, contribuíndo á formación dunha sociedade máis xusta, crítica e igualitaria desde as primeiras etapas educativas. 

Un recurso educativo que perdurará no tempo 

 Co obxectivo de garantir a continuidade do proxecto, Amei Tui elaborará tamén unha versión dixital dos contos e das guías didácticas, que estará dispoñible nunha páxina web creada especificamente para este fin. Así, os centros educativos e as familias poderán seguir traballando estes valores máis aló da fase presencial do proxecto. 

Compromiso coa educación en igualdade 

 Desde Amei Tui agradecen o apoio de @enceenergiaycelulosa a través do seu Plan Social, que permite poñer en marcha proxectos de transformación social e educativa como Contos Coeducativos. Esta iniciativa forma parte da liña de traballo da entidade para avanzar na igualdade real, a prevención da violencia de xénero e a promoción dunha educación baseada no respecto e na diversidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario