O programa “Coñece o noso patrimonio” do Instituto de Estudios Tudenses ofrece seis actividades este verán
• Comezará o próximo luns cun Paseo Literario. Este ciclo conta coa colaboración do Concello de Tui
Infogauda / Tui
Tras o éxito dos últimos anos o Instituto de Estudos Tudenses organiza unha nova edición das visitas guiadas “Coñece o noso patrimonio” en colaboración coa Concellería de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui.
Neste mes de xullo e no agosto realizarán unha total de seis actividades e visitas guiadas a elementos patrimoniais tudenses a cargo de especialistas do propio Instituto.
O programa previsto ábrese o próximo luns, 14 de xullo, ás 20 h cunha ruta literaria pola cidade histórica de Tui a cargo da escritora Marga do Val, que nos achegará a diversos espazos urbanos relacionados coa presenza de escritores ou con textos literarios. Comezará no miradoiro da alameda tudense.
Continuarán estas actividades con dúas propostas vinculadas ao Camiño de Santiago, unha ruta de peregrinación cunha secular tradición. O martes, 23 de xullo, ás 20.30 h o historiador Rafael Sánchez Bargiela impartirá unha conferencia sobre os “700 anos da peregrinación da Rainha Santa”, posiblemente a peregrinación de máis sona realizada polo Camiño Portugués ao longo dos séculos. Terá continuidade o venres, 25 de xullo, ás 9 h, cunha camiñada comentada polo Camiño Portugués dende a rúa Olímpicos Tudenses ata a capela de Nosa Señora do Camiño.
Proseguirá este ciclo visitas e actividades patrimoniais cunha visita guiada ao mosteiro de San Fins de Friestas, en Valença, a cargo do historiador Narciso Serra que ten realizado a súa tese sobre este histórico enclave transfronteirizo, tan relacionado na súa dimensión artística coa catedral de Tui. Esta visita realizarase o martes, 20 de xullo, ás 20 h ES.
Mentres o martes, 12 de agosto, a profesora Marta Cendón realizará unha visita centrada na “Escultura románica e gótica na catedral de Tui”. Comezará ás 20.30 h na porta norte deste templo.
Rematará este ciclo cunha visita guiada á igrexa de San Telmo, a cargo do historiador da arte, José Ramón Fernández, que terá lugar o martes, 19 de agosto, ás 20.30 h.
Dende o Instituto de Estudios Tudenses abordan este novo ciclo de actividades e visitas guiadas co obxectivo de contribuír ao coñecemento e divulgación do amplo acervo patrimonial que atesoura a nosa cidade e que paralelamente contribuirá a súa mellor conservación.
A concelleira de Turismo e Patrimonio de Tui, Ana María Núñez Álvarez, agradece este programa “Coñece o noso patrimonio” que organiza o Instituto de Estudios Tudenses, confiando en que se repita a gran acollida que tivo en anos anteriores.
As actividades e visitas guiadas previstas no programa “Coñece o noso patrimonio” son de balde e de acceso libre sen límite no número de persoas participantes.
Programa “Coñece o noso patrimonio”
Luns, 14 de xullo
Paseo literario polo corazón de Tui
Ás 20.00 h. Inicio miradoiro da alameda de San Domingo
Visita guiada pola escritora Marga do Val
Mércores, 23 de xullo
Conferencia “700 anos da peregrinación da Rainha Santa”
Ás 20.30 h na igrexa de san Domingos
A cargo do historiador Rafael Sánchez Bargiela
Venres, 25 de xullo
Camiñada comentada polo Camiño Portugués dende rúa Olímpicos tudenses ata a capela de Nosa Señora do Camiño
Ás 9.00 h. Inicio na rúa Olímpicos Tudenses
Martes, 29 de xullo
Mosteiro de San Fins de Friestas - Valença
Ás 20.00 h ES.
Mosteiro de San Fins. Visita guiada polo historiador Narciso Serra
Martes, 12 de agosto
A escultura románica e gótica na catedral de Tui
Ás 20.30 h. Inicio na porta norte da catedral
Visita guiada pola profesora Marta Cendón
Martes, 19 de agosto
A igrexa de San Telmo
Ás 20.30 h no adro da igrexa de san Telmo
Visita guiada por José Ramón Fernández Fernández
Ningún comentario:
Publicar un comentario