6 de xul. de 2025

TOMIÑO

Tomiño levará a pleno unha modificación de crédito que permitirá que o Concello alcance a débeda cero  

• A boa xestión económica do Goberno municipal levou a que o resultado económico de 2024 rematara cun superávit de máis de 3,5 millóns de euros  


Sandra González Álvarez, alcaldesa de Tomiño
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño 

 O Concello levará a pleno o vindeiro luns 14 de xullo unha modificación de crédito de case 1,9 millóns de euros, dos que máis dun millón serán destinados a liquidar por completo os dous préstamos que o Concello de Tomiño tiña pendente con entidades financeiras. Un destes préstamos foi adquirido no ano 2010 e outro foi solicitado recentemente hai dous anos para acometer as obras de construción da biblioteca municipal Espazo Isaura Gómez. Esta liquidación permitirá a Tomiño situar as súas arcas municipais nun histórico nivel de débeda cero. 

 A boa xestión económica do Goberno municipal permitiu a Tomiño pechar o exercicio económico de 2024 cun superávit superior aos 3,5 millóns de euros, impulsado en boa parte pola elevada capacidade de captación de fondos europeos e doutras administracións, xa que só no ano 2024 o Concello de Tomiño executou case 2 millóns de euros en proxectos europeos. Ademais, a eficaz xestión económica de Tomiño é recoñecida dende hai anos e reflíctese en que é un dos concellos de Galicia que máis rápido paga a provedores.  

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca que “chegar á débeda cero é unha mostra do rigor coa que xestionamos os recursos de todas e todos, o que nos permite agora seguir investindo en proxectos que melloran a calidade de vida no noso municipio sen hipotecar o futuro”. 

 Ademais de saldar completamente a débeda, a modificación de crédito incluirá actuacións fundamentais para Tomiño. Entre elas, os 370.000 euros para o cofinanciamento de dúas subvencións solicitadas a Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia para a adquisición de colectores e de 3 novos vehículos. Con estas axudas, Deputación e Xunta acompañarán a Tomiño na implantación do novo modelo de xestión dos residuos sólidos urbanos do municipio. 

 Outra das intervencións destacadas é a achega de 50.000 euros para executar en Carregal un sistema de drenaxe na contorna da captación da traída de augas, dentro das accións do Plan de Prevención de Inundacións elaborado polo Concello. Este plan, que analiza as zonas con maior risco de sufrir danos no actual contexto de cambio climático, recolle medidas concretas para reducir e previr o impacto de episodios de inundacións. 

 A modificación de crédito recolle tamén un importe destinado á implantación dunha liña de axudas vinculada ao plan de saneamento autónomo, co que o Concello busca apoiar ás familias no tratamento e mellora das súas instalacións. 

 “Este é o resultado dun traballo responsable e sostido no tempo, que fai de Tomiño un concello solvente, capaz de afrontar novos retos e continuar mellorando servizos e infraestruturas sen cargar ás xeracións vindeiras”, sinala a alcaldesa. 

 Con este paso, Tomiño consolídase como un exemplo de xestión eficiente, aproveitando o bo momento económico para reforzar a súa aposta polo benestar veciñal, a calidade ambiental e a resiliencia fronte aos desafíos do cambio climático.

Ningún comentario:

Publicar un comentario