Serán musical co Concerto de Verán da Coral Polifónica de Tomiño
• A actuación será este domingo, 13 de xullo, ás 19.00 horas, na praza do Seixo, ao abeiro do programa Son&Serán
Infogauda / Tomiño
A Coral Polifónica de Tomiño quenta voces para o seu tradicional concerto de verán. Este domingo 13 de xullo, ás 19.00 horas, as e os integrantes da coral subiranse ao escenario na praza do Seixo para ofrecer un espectáculo que promete deleitar a todo o público asistente cun variado repertorio.
O concerto - aberto a todos os públicos, con entrada de balde -, celébrase ao abeiro do Son&Serán, un programa posto en marcha polo Concello de Tomiño para achegar a música á veciñanza, levando as melodías ao aire libre e enchendo de vida e actividade espazos recuperados para as persoas no municipio.
“É un orgullo poder ofrecer este tipo de espectáculos culturais en Tomiño. A Coral Polifónica é un referente musical na nosa vila é estamos seguros e seguras de que este concerto será un verdadeiro pracer para os sentidos”, salientou a alcaldesa, Sandra González, que animou a toda a veciñanza a asistir ao concerto.
Baixo a dirección de David González Sobrino, a coral tomiñesa ofrecerá un espectáculo único e variado, con pezas que van dende as cancións populares e clásicas ata composicións contemporáneas. Fundada en 1997, a Coral Polifónica de Tomiño conta actualmente con 30 voces mixtas que se teñen gañado o recoñecemento do público pola súa calidade e estilo distintivo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario