8 de xul. de 2025

SALVATERRA DE MIÑO

A Xunta de Galicia concede axudas a empresas de Salvaterra de Miño por preto de 300.000 euros para fomentar os destinos enogastronómicos 

  A delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, e a alcaldesa Marta Valcarcel visitaron este martes as Bodegas La Val


A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcarcel, visitaron este martes as instalacións de Bodegas La Val
Foto: X.G.

Infogauda / Salvaterra de Miño

 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcarcel, visitaron este martes as instalacións de Bodegas La Val para coñecer o novo proxecto de enoturismo que se beneficiará das axudas ao sector vitivinícola a través do Plan Territorial de Sostibilidade Turística (PSTD) Enogastronomía de Galicia 2023-2025. Este Plan conta cunha dotación total de 34,5M€, cofinanciados pola Unión Europea, a través do Mecanismo de Recuperación e Resilencia, que se destinan a tres actuacións de cohesión e 11 plans de sostibilidade turística en destino.  

 A representante autonómica explicou que dentro deste PSTD englóbase unha liña de axudas de 5,5M€ para establecementos con encanto en destinos enogastronómicos de Galicia, da que se acaba de facer pública a resolución. Preto de 300.000€ foron adxudicados a dúas empresas de Salvatera, as Bodegas La Val e a Bodega-Casa Rural María Bargiela.  

 Ana Ortiz destacou o papel do turismo enolóxico como ferramenta para impulsar un desenvolvemento sostible das áreas rurais e sinalou que a axuda a La Val é un exemplo das axudas do Goberno galego que fomentan o turismo e o emprego. Ademais, apuntou a singular posición de Galicia como destino único e de calidade neste campo.  

 Pola súa banda, Marta Valcárcel celebrou a implicación da Xunta nos dous proxectos do municipio e incidiu no feito do impulso “do turismo de interior vinculado á viticultura, un producto que para nós é moi importante e que forma parte da nosa seña de identidade como pobo, permitindo ás empresas seguir mellorando e adaptando as súas instalacións para acoller a máis visitantes”.  

 O Diario Oficial de Galicia (DOG) xa publicou o pasado 16 de xuño a resolución da liña de axudas dotada de 5,5M€ para fomentar o turismo enogastronómico. En total, a Xunta financia 56 proxectos en toda Galicia que desenvolven iniciativas de embelecemento de establecementos de aloxamento, restauración e adegas, a posta en marcha de proxectos dixitais vinculados a recursos enogastronómicos ou a ampliación e mellora da capacidade de aloxamento para este tipo de turismo.  

 Por provincias, os proxectos financiados en A Coruña son 7, 10 na de Lugo, 20 en Ourense e 19 en Pontevedra. Os proxectos financiados van desde actuación de eficiencia enerxética como a instalación de aerotermia e solar fotovoltaica, melloras para ampliación da oferta enoturística, para a ampliación da capacidade aloxativa, e deseño, implantación e dixitalización de novas experiencias enoturísticas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario