Seguridade viaria
Abel Losada pide a axuda aos clubs de rallies e concentracións moteiras para reforzar a seguridade viaria na “periferia” dos eventos
O subdelegado eloxia a responsabilidade dos organizadores: “Son os primeiros interesados en que este tipo de probas sexan seguras”
A Garda Civil de Tráfico advirte de que “vai ir con todo” e apunta directamente ás infraccións nos desprazamentos “intertramos”
Pídese a escuadras e motoclubs que trasladen as recomendacións de seguridade a través das súas redes sociais para chegar a todo o público
O subdelegado do Goberno, Abel Losada, celebrou hoxe unha reunión cos clubs e escuadras organizadores de rallies e subidas automobilísticas, así como de concentracións moteiras
Fotos: S. do G.
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno, Abel Losada, celebrou hoxe unha reunión cos clubs e escuadras organizadores de rallies e subidas automobilísticas, así como de concentracións moteiras, para pedirlles axuda e o máximo esforzo para garantir a seguridade viaria na “periferia” dos eventos do motor, é dicir, tanto nos desprazamentos como nos comportamentos fóra da programación oficial. Á cita asistiron 8 escuadras automobilísticas e outros 7 motoclubs, cun total de 25 persoas participantes.
A xornada informativa, a primeira destas características, contou tamén coa intervención da xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, e o comandante do Subsector de Tráfico da Garda Civil, Miguel Martínez, quen lembrou a normativa e advertiron de que os controis se van a intensificar despois do sucedido o pasado mes de xuño no Rally de Pontevedra, no que a Garda Civil interpuxo 67 sancións, e a Concentración Moteira de Bueu, que se saldou con outras 33 multas.
Abel Losada explicou que a afección ao “mundo do motor” na provincia de Pontevedra, onde se celebran 15 rallies, subidas e concentracións anuais, require de importantes recursos para o seu control e vixilancia “e nada mellor que estreitar a colaboración cos organizadores, que son xente moi responsable, e os primeiros interesados en que este tipo de probas sexan seguras”.
O subdelegado afirmou que a maior parte dos problemas prodúcense ao redor destes eventos e por parte do público asistente e recalcou, especialmente, que non hai o menor interese recadatorio, “pero si que hai todo o interese en garantir a seguridade viaria, que é algo que nos concierne a todos e todas. A sinistralidade cero non existe e sempre haberá alguén que infrinxa, pero hai que facer todo o posible para evitalo”.
Agradeceu a importante afluencia á reunión na Subdelegación, “o que demostra o compromiso dos organizadores de eventos do motor” a quen pediu que, en diante, fagan un esforzo por comunicar e transmitir todas as recomendacións de seguridade que implica a celebración dos eventos a través das súas redes sociais. Indicouse que gran parte do público recibe a información a través destas canles, polo que poden ser idóneos para transmitir tamén as obrigacións normativas en materia de seguridade. Neste sentido lembrou que en breve terá lugar a Concentración Moteira de Sanxenxo, que atrae entre 2.000 e 3.000 motos e a unhas 20.000 persoas.
O comandante Martínez afirmou que máis do 90% de rallies, subidas e concentracións desenvólvense “sen novidade”, pero tamén hai outras nas que o cumprimento das normas é mellorable. Advertiu que a Garda Civil de Tráfico “vai ir con todo este verán, con xente de todos os destacamentos e ata con reforzos se é necesario”. Ademais, pediu aos organizadores de rallies unha especial atención aos desprazamentos “intertramos”, dado que é nestas estradas onde se producen condutas como as sancionadas no recente Rally de Pontevedra.
A xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, alertou de que o 50% da mortalidade nas estradas interurbanas da provincia correspóndese con usuarios vulnerables e, especialmente, con motoristas e recalcou que é moi positivo que haxa vixilancia ao redor dos eventos nunha provincia con tanta afección ao motor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario