A Deputación avanza en “Praias sen límite”, o proxecto que mira máis alá do verán e pretende dar vida ao litoral fóra da temporada alta
• Rías Baixas, xunto con Almería, Lanzarote, Santander e a Costa do Sol traballan conxuntamente nesta iniciativa, apoiada pola Secretaria de Estado de Turismo, para promover o desfrute das costas para romper coa estacionalidade dos destinos de litoral
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra está a avanzar en “Praias sen límite”, o proxecto que mira máis alá do verán e pretende dar vida ao litoral fóra da temporada alta. A provincia de Pontevedra, xunto con Almería, Lanzarote, Santander e a Costa do Sol son os impulsores desta iniciativa que pretende desestacionalizar o desfrute das praias creando modelos de traballo exportables a outros destinos de costa. Neste eido, “Praias sen límite” contempla 11 actuacións de gran calado e enmárcase no programa “Experiencias Turismo España”, xestionado pola Secretaría de Estado de Turismo do Ministerio de Industria.
Baixo o lema “Víveas todo o ano”, estes cinco destinos comezaron a traballar xa en varias accións, que verán a luz antes do outono e terán continuidade o resto do ano. A visión de “Praias sen límite” apunta á necesidade de crear experiencias para equilibrar os fluxos de visitantes, aliñándose coa sostibilidade turística. Ademais, pretende desenvolver unha análise en profundidade da situación e poñer en marcha solucións para rachar co impacto económico fráxil e a xeración de emprego puntual que viven algunhas localidades, que pasan da saturación á ausencia de actividade fóra de temporada.
Precisamente a desestacionalización, xunto coa internacionalización, son obxectivos prioritarios da Deputación de Pontevedra no marco da súa estratexia turística. “Este ano estamos a experimentar un forte e continuo crecemento, mes a mes, non soamente de xeito estacional, en canto aos visitantes tanto estranxeiros como internacionais, que demostra que as accións que estamos a liderar van dando xa os seus froitos”, asegurou o presidente provincial Luis López. Neste eido, recordou que en xuño o 40% das persoas que visitaron a provincia foron estranxeiras, que se incrementou a ocupación hoteleira ata preto do 50% de media no conxunto da provincia, que este mes xa visitaron os castelos de Soutomaior e Sobroso máis de 4.000 persoas e que percorreron algunha das rutas cara Compostela que atravesan a provincia de Pontevedra 105.800 peregrinos.
Educación, ocio en familia e desenvolvemento dunha oferta alternativa
Tras un estudo inicial, “Praias sen límites” ten posto en marcha algunhas propostas que van desde o ámbito da educación e concienciación ata a promoción de actividades para toda a familia, pasando por impulsar e apoiar a oferta de experiencias de praia sen límite temporal. Deste xeito, respecto á sensibilización a través da educación, está previsto que se lancen uns cómics infantís nos cinco destinos que, de xeito lúdico, proporán un consumo responsable e continuado das nosas praias.
As propostas nas que xa se está a traballar presentarase na web www.playassinlimites.es, onde os usuarios poderán descubrir actividades náuticas, praias para mascotas, rutas de sendeirismo costeiro e experiencias de astroturismo, entre outras. Na web incluirase un directorio de todas as actividades para desfrutar da praia máis alá do verán, impulsando a colaboración público-privada e convidando ás empresas a que inclúan aí o seu catálogo. Ademais, as empresas que precisen orientación para sumase á iniciativa contarán tamén cun manual para o deseño de produto, que os axudará a prolongar a súa actividade durante todo o ano.
“Praias sen límites”
O proxecto de “Praias sen límite” está liderado pola Deputación de Pontevedra, a Costa do Sol, Santander, Lanzarote e Almería e foi cofinanciado con recursos Next Generation EU, dentro do Plan de Modernización e Competitividade do Turismo, e desenvólvese no marco do programa “Experiencias Turismo España”, xestionado pola Secretaría de Turismo do Ministerio de Industria. O seu obxectivo é impulsar experiencias turísticas sostibles, dixitais e integradoras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario