12 de xul. de 2025

PONTEVEDRA

A Deputación recomenda renovar o tratamento antimildio nos predios onde rematase a protección por mor da dina que afectará as temperaturas 

 O persoal técnico de Areeiro aconsella marcar as plantas afectadas por patóxenos de madeira tras o episodio de forte calor dos pasados días, e eliminalas se están xa moi afectadas para evitar que sexan fonte de contaminación do resto


Acios demasiado expostos
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra, a través do novo aviso fitosanitariodo persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, aconsella renovar o tratamento contra o mildio naqueles predios onde rematase, ou estivese a punto de facelo, a protección da anterior aplicación, xa que os acios aínda poden ser afectados por este patóxeno. O persoal fai esta recomendación ás portas dunha dina que, malia que se prevé que se mova con rapidez en Galicia e unicamente afecte a nivel de temperaturas, si pode traer pulsacións de aire frío e máis húmido unha vez remate, así como precipitacións. Ademais, cómpre ter en conta a incerteza asociada a este tipo de fenómenos adversos. En todo caso, nos predios con intervencións máis recentes a nova aplicación pode pospoñerse ata ver a evolución da dina, e sempre vixiando as viñas.  

 En canto ao observado nestes pasados días polo persoal técnico do Areeiro, non aparecen síntomas novos nin en predios onde había algúns grans afectados por mildio larvado nin naqueles que xa se atopan fóra do período de protección teórico do tratamento anterior. En canto ás plantas testemuña, tampouco se apreciou un incremento dos acios afectados, malia que están sen tratamento e moitas delas á sombra durante moitas horas, polo que as condicións ambientais son máis favorables ás infeccións. En canto ás follas, si aparecen síntomas nas plantas testemuña e novas manchas illadas nas tenras sen protección ou con esta no límite. Tamén se observaron nas partes máis altas das plantas conducidas en emparrado, onde os tratamentos non chegaron adecuadamente ao longo da campaña debido á frondosidade da vexetación.  

 O episodio de calor forte dos pasados días supuxo un estrés para as plantas, por iso as afectadas por patóxenos de madeira manifestaron síntomas de xeito repentino. Cómpre marcar as plantas para ver a evolución e actuar en función dela, ou eliminalas se xa están moi afectadas para evitar que sexan fonte de contaminación para o resto. Ademais, non de xeito abundante, pero si hai acios demasiados expostos polas esfollas nalgunhas viñas que xa están empezando a ter golpes de sol.  

 Respecto ao oídio, as condicións anteriores e as previsións meteorolóxicas para os próximos días (menos luminosidade por néboas ou alternancia de sol con nubes, e ventos de oeste máis húmidos) foron e serán máis favorables ao patóxeno. Por este motivo é preciso renovar os tratamentos para evitar os danos directos e indirectos que pode provocar o fungo. O persoal de Areeiro recomenda tamén vixiar o avance do black rot, malia non se detectar cambios na presenza de síntomas, por mor da meteoroloxía próxima, e en especial nas viñas ou zonas con historial de danos. O mesmo aplica ás avelaíñas do acio, pois malia apenas observarse capturas, a partir de agora será máis sinxelo atopalas nas viñas onde teñan presenza.  

 Por último, o aviso fitosanitario informa de que nas viñas do Rosal e do Condado onde se aplicou o tratamento fronte ao Scaphoideus titanus apenas se capturaron un par de exemplares, pero avisa de que aínda se poden facer tratamentos para reducir os vectores de flavescencia dourada (mesmo se o período da intervención obrigatoria xa rematou) para que haxa menos posibilidades de infección.   

Ningún comentario:

Publicar un comentario