3 de xul. de 2025

PONTEVEDRA

Seguridade pública  

Abel Losada destaca que a “garantía de seguridade” é clave para explicar as boas cifras do turismo na provincia e nas Rías Baixas 

O subdelegado do Goberno presenta as actuacións programadas pola Garda Civil dentro do Plan de Turismo Seguro para este verán 

O coronel Manuel Touceda destaca que o ano pasado só houbo 6 infraccións penais no tramo pontevedrés do Camiño Portugués a Santiago 

A GNR portuguesa súmase a un operativo no que tamén participa o Escuadrón de Cabalería da Garda Civil  


O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, na presentación do despregamento da Garda Civil no marco do Plan de Turismo Seguro 2024-2027, acto celebrado na área recreativa do Parque da Natureza da Barosa, no Concello de Barro

Foto: S. do G.


Infogauda / Pontevedra 

 O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, salientou que a “garantía de seguridade gracias ao excelente traballo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado” é unha das claves que explica o éxito turístico da provincia de Pontevedra e das Rías Baixas. Fíxoo esta mañá durante a presentación do despregamento da Garda Civil no marco do Plan de Turismo Seguro 2024-2027, acto celebrado na área recreativa do Parque da Natureza da Barosa, no Concello de Barro.   

 Acompañado do coronel Manuel Touceda e do alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes, Losada explicou que o Plan Turismo Seguro 2024-2027 é unha iniciativa do Ministerio del Interior de España para garantir o benestar das persoas que nos visitan no verán. Supuxo un paso adiante na protección dos visitantes e, ademais, foi adaptado ás necesidades da provincia de Pontevedra pola Comandancia da Garda Civil incluíndo un plan especial de protección nos Camiños a Santiago ao paso por esta provincia. Trátase, por tanto, do segundo ano deste plan cuatrienal que é unha aposta moi clara por impulsar o crecemento turístico co factor seguridade. 

 “O primeiro que busca unha persoa que escolle un destino para pasar as súas vacacións é unha contorna segura”, enfatizou Losada, quen agradeceu o papel das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado (FCSE). “Fálase moito dos recursos paisaxísticos, culturais ou gastronómicos, pero o valor da seguridade queda fóra do foco en moitas ocasións. Somos unha provincia segura, nunha comunidade segura e nun dos países máis seguros do mundo”. Losada destacou que a seguridade non só é real, senón tamén percibida, aínda que ás veces é máis percibida polos turistas e peregrinos que veñen de fóra.  

 O coronel Manuel Touceda destacou a seguridade no Camiño de Santiago na provincia de Pontevedra. Afirmou que as cifras así o testemuñan: o ano pasado tan só se produciron 6 infraccións penais no Camiño. Non obstante a Garda Civil realizou 7.000 servizos de atención e auxilio, dando indicacións ou atendendo problemas leves, nos que participaron ata 12.000 axentes. O máximo responsable da Comandancia subliñou que tódalas mulleres e homes de tódolos postos da Garda Civil na provincia están involucrados activamente na protección dos turistas e dos peregrinos durante este verán. 

 No acto celebrado hoxe na Barosa presentouse tamén a dotación de axentes da Garda Nacional Republicana (GNR) portuguesa que se incorporan este verán á nosa provincia. Serán 8 axentes en xullo e 9 en agosto. Tamén tomou parte o Escuadrón de Cabalería da Garda Civil, achegando dous cabalos, xunto coa Oficina Móbil de Atención ao Peregrino (OMAP),  medios e dotacións que van xogar un papel clave ao longo deste verán.  

 Losada explicou que o Plan cuatrienal de Turismo Seguro elaborado polo Ministerio de Interior adáptase ás necesidades cambiantes do turismo e enfatiza a coordinación entre Forzas e Corpos de Seguridade, pero tamén aspectos como a colaboración con empresas turísticas, a loita contra a cibercriminalidade, a seguridade no turismo de interior e natureza, con especial atención a zonas rurais, e a protección da riqueza cultural e patrimonial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario