2 de xul. de 2025

O ROSAL

Teatro, emoción e memoria en San Xián  

 O Concello leva a Cultura polos Barrios á praza do Calán con ‘Costa da Morte. Cartografía dun naufraxio’, un espectáculo de Mariña Lestón co CDG que revive historias de naufraxios e cantares populares   

  O vindeiro martes 8 de xullo ás 22.30 horas, na praza do Calán, en San Xián




Infogauda / O Rosal 

 O mar trae consigo ao Rosal historias que non deben caer no esquecemento. O vindeiro martes 8 de xullo ás 22.30 horas a praza do Calán, en San Xián converterase nun escenario vivo onde a memoria colectiva estará presente a través do teatro e da música. O Rosal aposta unha vez máis por achegar a cultura polos barrios cunha proposta única, ‘Costa da Morte. Cartografía dun naufraxio’, unha produción teatral de Mariña Lestón co Centro Dramático Galego. A entrada será libre e de balde, para que toda a veciñanza poida mergullarse nesta viaxe emocionante polo mar. 

 O espectáculo fai un percorrido por relatos reais de naufraxios acontecidos na Costa da Morte, acompañados de cantigas populares interpretadas en directo, que permiten ao público revivir as vidas dos que partiron e tamén das persoas que quedaron en terra: as viúvas, os orfos, os que acudiron a socorrer. Todo para que as súas historias non se perdan no tempo. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salienta que “levar a cultura aos barrios é unha prioridade para o Concello, porque entendemos que a cultura debe ser accesible, próxima e compartida”. A rexedora convidou á veciñanza a desfrutar “deste espectáculo, que é moito máis que teatro, é un acto de memoria e un tributo ás xentes do mar, ás súas loitas e ás súas perdas. Queremos que a praza do Calán se encha de emocións e de lembranzas que nos unan como pobo”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario