A CIG promoverá unha xornada de folga no SAF e exixe medidas inmediatas para garantir a seguridade de todas as traballadoras
• A central personarase nas dilixencias xudiciais, pide a suspensión cautelar do servizo no Porriño e urxe unha reunión coa Xunta, concellos e patronal para abordar a aplicación de medidas
A CIG mobilizouse este mediodía na Praza do Concello do Porriño en repulsa ao asasinato da traballadora do SAF e para denunciar a carencia de medidas de seguridade neste sector
Foto: CIG
Infogauda / O Porriño
A CIG mobilizouse este mediodía na Praza do Concello do Porriño en repulsa ao asasinato da traballadora do SAF e para denunciar a carencia de medidas de seguridade neste sector. A central nacionalista presentou denuncia na Inspección de Traballo para que se investigue a falta de avaliación de riscos e de medidas de seguridade da empresa concesionaria e demandou (á Inspección e ao Concello) a suspensión cautelar da atención a domicilio mentres non se garanta a integridade das traballadoras.
De xeito paralelo, a CIG xa avanzou que se personará nas dilixencias xudiciais reivindicando que se depuren todas as responsabilidades penais e políticas polo asasinato dunha traballadora durante as súa xornada laboral. “O sucedido onte tamén é responsabilidade do Goberno galego e dos Concellos, pero principalmente da empresa concesionaria”, salientou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
Así mesmo, a central sindical xa solicitou ás administracións que se convoque de urxencia unha reunión con presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a conselleira de Política Social, Fabiola García, as organizacións sindicais, a FEGAMP e as empresas concesionarias do SAF para pór en marcha de inmediato medidas e protocolos de obrigado cumprimento, que permitan previr situacións de risco e actuar ante situacións de acoso, agresións, maltrato etc. que se poden dar nos traballos de coidados, nomeadamente na atención que se presta nos domicilios particulares.
Concentracións este venres día 1 de agosto, e folga no sector
A nivel de acción mobilizadora, a CIG convoca concentracións para este venres, 1 de agosto, ás 12 horas, diante dos concellos en homenaxe á compañeira asasinada, en solidariedade coa súa familia e para reivindicar condicións laborais e salariais dignas, protocolos e medidas preventivas e de seguridade.
Ademais, a CIG convocará unha xornada de folga nas próximas semanas en todos os servizos de axuda no fogar de Galiza porque a morte de Teresa non pode quedar nun suceso illado, ten que ser un punto de inflexión para o sector.
"Todos os SAF comparten as absoluta falla de seguridade", advertiu Mercedes Domínguez, responsábel do sector na CIG do Porriño, durante a concentración deste mediodía. "A cotío as traballadoras trasládanlle ás empresas situacións de maltrato e agresións que non son atendidas. É practicamente imposíbel suspender un servizo de atención no fogar", informou.
A propia traballadora puxera no día de onte en coñecemento da empresa unha situación de acoso no domicilio onde foi asasinada. A resposta da concesionaria foi pedirlle que fose facer o servizo igualmente. "Nestes casos, engadiu Domínguez, se unha traballadora non se sente capacitada para acudir, mandan as outra auxiliar no seu lugar, sen adoptar máis medidas".
A CIG leva anos reivindicando medidas reais de prevención para este colectivo laboral, que se realicen avaliacións de cada domicilio e dos riscos que pode haber en cada un deles, que se acuda aos fogares en parella, e que se estabelezan mecanismos para a suspensión do servizo cando unha traballadora denuncia unha situación de acoso, agresión ou maltrato.
"Con Teresa chegamos tarde. A súa palabra, a palabra dunha muller, dunha profesional, non serviu para suspender un servizo; sempre prevalece o dereito das persoas usuarias sobre os dereitos das traballadoras", lamentou Domínguez.
Un sector precario e abandonado polas administracións
Nesta idea abundou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, ao aseverar que a “precariedade ten o seu rostro máis salvaxe no que sucedeu no día de onte”. “O que falla é un sistema no que a Xunta de Galiza e os Concellos abandonan as traballadoras”. Advertiu que o modelo de privatización dos coidados leva á máxima desprotección das traballadoras, que prestan un servizo esencial mais desvalorizado a nivel socio-económico.
Lembrou Carril que as traballadoras do SAF levan meses mobilizándose pola negociación do seu convenio colectivo -sen actualizar dende 2012- e loitando pola dignificación das súas condicións laborais e salariais, co absoluto desleixo e desinterese da patronal e das administracións responsábeis.
Unha idea na que tamén incidiu Margarida Corral, secretaria confederal das Mulleres da CIG: "o asasinato da compañeira Teresa ten que supor en Galiza un antes e un despois na lexislación en materia de dereitos laborais das traballadoras do SAF". Corral apuntou á compoñente de xénero na que radican "as condicións de escravitude do sector" e a unha compoñente de clase "gravísima". "Despois da pandemia, denunciou, non se conseguiron revalorizar os traballos de coidados, nin avanzar nun sistema público de xestión directa relacionado coa prestación destes servizos, nin que se aplique a lexislación en materia de prevención de riscos laborais".
Por iso, concluíu, "non podemos permitir que esta morte fique como unha máis. Non é só un feminicidio, é un accidente laboral, un asasinato ocorrido durante a xornada laboral. E como tal, hai que reivindicar protección para que ningunha muller volva sufrir violencia no traballo".
Ningún comentario:
Publicar un comentario