A CIG mobilízase na Fundación CTAG en resposta aos despedimentos
A empresa pretende xustificar estas rescisións por cuestións disciplinarias
Infogauda / O Porriño
A CIG realizou este martes unha concentración diante da Fundación CTAG (situada no Polígono Industrial A Granxa no Porriño) en resposta aos 10 despedimentos disciplinarios executados pola empresa nas últimas dúas semanas (que se suman a outras rescisións previas) e ante a previsión de que se produzan máis medidas traumáticas deste tipo.
A sección sindical da CIG na empresa considera totalmente desproporcionados estes despedimentos xa que na maioría dos casos se producen por supostos erros no rexistro horario (non rexistrar a entrada ou a saída, pequenos incumprimentos de horario ou incluso por traballar horas de máis).
“A decisión da empresa non é proporcional ao suposto incumprimento”, denuncia Hugo Méndez, secretario da sección sindical da CIG en CTAG, quen explica que empresa opta polo máximo castigo sen sequera dar un aviso ou amonestación previa ás persoas afectadas.
Ao contrario, a empresa agarda á ultima hora da xornada para comunicar a súa decisión, entrega un escrito (similar en todos os casos) onde recolle os supostos incumprimentos e da unha hora de marxe ás persoas afectadas para que aleguen, mais sen permitirlles acceder aos seus datos de rexistro horario para poder xustificarse.
Despois dese tempo, entrega a carta de despedimento e, para máis escarnio, obriga a que as persoas despedidas sexan escoltadas por persoal de seguridade até seus postos para recolleren as súas pertenzas e despois até a porta.
Despedimentos arbitrarios sen comunicación previa
A representación da CIG indica que estes despedimentos se están realizando de maneira indiscriminada “sen que sequera as persoas responsábeis dos equipos tivesen coñecemento de que ían producirse, e mesmo tendo planificados traballos ou visitas á clientela nos días posteriores”.
Para Méndez, o obxectivo de CTAG é minorar o cadro de persoal, xa que a dirección entende que a situación financeira non axusta á súa planificación. En todo caso, a sección sindical denuncia que se trata de despedimentos inxustificados e inxustos que responden a mala decisión organizativas “cuxas consecuencias non deben caer sobre o persoal de CTAG”, e advirten que se trata dun ERE encuberto que a empresa pretende facer pasar por despedimentos disciplinarios.
En CTAG traballan unhas mil persoas altamente cualificadas que se dedican á I+D da automoción: dende a realización de test e validacións de pezas, até desenvolvemento de vehículo eléctrico e conectado, que é onde centra o problema.
Na reunión que a CIG mantivo coa dirección, esta non se comprometeu a parar os despedimentos e por iso, logo desta primeira concentración, a central non descarta máis mobilizacións e outras medidas de presión se a empresa teima no seu proceder.
Ningún comentario:
Publicar un comentario