BNG propón ao Goberno crear un Punto de Coordinación Transfronteiriza no Miño internacional
• A fronteira galego-portuguesa, unha das máis dinámicas da UE, precisa ferramentas para avanzar na cooperación real e eliminar barreiras, defende Carme da Silva
• A senadora do BNG sinala que este punto de coordinación serviría para detectar e resolver obstáculos legais, técnicos e administrativos en proxectos comúns
Infogauda / O Baixo Miño
A senadora do BNG, Carme da Silva, rexistrou no Senado unha iniciativa para o seu debate na Comisión Xeral de Comunidades Autónomas, na que insta ao Goberno do Estado a crear un Punto de Coordinación Transfronteiriza no treito internacional do río Miño. A proposta enmárcase no novo Regulamento (UE) 2025/925 do Parlamento Europeo e do Consello, coñecido como BRIDGEforEU, que estabelece instrumentos específicos para facilitar o desenvolvemento e crecemento das rexións fronteirizas da UE.
Da Silva destaca que “a Galiza e o norte de Portugal comparten unha realidade social, cultural e económica que non pode seguir sendo ignorada pola política estatal. A creación dun Punto de Coordinación Transfronteiriza no Miño é unha oportunidade histórica para superar barreiras administrativas e legais que dificultan o día a día da cidadanía e das empresas a ambos lados da Raia.”
A moción rexistrada pola senadora nacionalista propón que este punto de coordinación actúe como un servizo de ligazón coas autoridades dos Estados membros para identificar e resolver obstáculos administrativos, legais e técnicos que frean o desenvolvemento de proxectos comúns na fronteira galego-portuguesa.
“Falamos dunha das zonas con maior densidade de interacción social e económica de toda a UE. O tránsito entre Galiza e Portugal é tan intenso como o do resto da fronteira española con Portugal xunta, o que reflicte a necesidade de contar cunha estrutura que facilite a cooperación efectiva en materia de infraestruturas, servizos públicos ou medio ambiente” subliña Carme da Silva.
Ademais da creación deste punto, a iniciativa do BNG tamén reclama que os fondos do programa INTERREG sexan aplicados de maneira efectiva nos concellos situados na fronteira entre a Galiza e Portugal, para garantir unha cooperación real e con resultados visibles para a cidadanía.
“Co BRIDGEforEU temos un marco legal que nos permite actuar, agora falta a vontade política. Galiza non pode ficar atrás nesta nova etapa de integración transfronteiriza” conclúe a senadora do BNG.
O BNG considera que avanzar na eliminación de obstáculos estruturais nas rexións fronteirizas permitiría mellorar a calidade de vida, fomentar a creación de emprego e aproveitar todo o potencial socioeconómico da Raia galego-portuguesa, un espazo que sempre destacou pola súa intensa interconexión histórica e cultural.
Ningún comentario:
Publicar un comentario