9 de xul. de 2025

GALICIA

A Ruta Quetzal apoiada por Turismo de Galicia trae a Santiago a mozos que peregrinaron por tres Camiños 

•  O director de Turismo de Galicia destaca que a expedición contribúe nesta edición a enxalzar o espírito xacobeo


O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, recibiu este mediodía na praza do Obradoiro aos 200 mozos e mozas participantes na 35 edición da Ruta Quetzal
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, recibiu este mediodía na praza do Obradoiro aos 200 mozos e mozas participantes na 35 edición da Ruta Quetzal e que este ano percorreron varios treitos de tres Camiños de Santiago: o Portugués da Costa, o Mozárabe e o do Norte.  

 Xosé Merelles puxo en valor o espírito desta iniciativa que combina a aventura co coñecemento da cultura, a historia e o patrimonio dos lugares polos que transcorre e que nesta edición contribúe, en maior medida, a enxalzar a experiencia xacobea.  

 Ademais, salientou que desde a Xunta apóiase este tipo de proxectos na medida en que contribúen a “promover e divulgar a ruta xacobea entre a mocidade” favorecendo así o interese de novas xeracións pola cultura e o coñecemento de todo o relacionado co Camiño de Santiago.  

 A expedición iniciou a edición deste ano o pasado 29 de xuño percorrendo o Camiño Portugués da Costa ao seu paso pola comarca de O Salnés, seguindo a pegada do Padre Sarmiento. Posteriormente, a ruta desprazouse a Estremadura para, nunha segunda etapa, coñecer distintos destinos vinculados ao Camiño Mozárabe, así como personalidades do territorio polos que pasa. Foi entre o 3 e o 6 de xullo.  

 Desde o pasado luns, a Ruta Quetzal volveu a Galicia, onde continuou o itinerario do Camiño do Norte. A praia das Catedrais, Mondoñedo, Vilalba, Santiago de Compostela e Vilanova de Arousa foron algunhas das localidades que percorreu a expedición.  

 No que vai de ano, o Camiño Portugués da Costa foi percorrido por 41.480 peregrinos, un 20 % máis que en 2024; o Mozárabe, por 4.705 (+2 %) e o do Norte, por 8.566 peregrinos (+8 %).

Ningún comentario:

Publicar un comentario