O PSOE DA GUARDA ESIXE ACTUACIÓNS URXENTES NA SENDA LITORAL
Grupo Municipal do PSdeG-PSOE / A Guarda
O Grupo Municipal Socialista da Guarda vén de presentar unha moción no pleno para reclamar actuacións inmediatas na senda litoral, un dos principais recursos naturais, turísticos e patrimoniais da nosa vila, hoxe en situación de total abandono.
A realidade é a que é: a senda litoral está en ruínas mentres o goberno do Partido Popular mira para outro lado. E resulta aínda máis grave cando lembramos que foi o propio alcalde, Carrero, quen criticaba duramente o estado do mobiliario urbano en anteriores mandatos, prometendo máis coidado, máis limpeza e máis atención aos espazos públicos.
Prometeron máis mantemento, pero deixan que se podreza unha das rutas máis importantes da Guarda:
- Táboas afundidas, podres e rotas, que xa teñen provocado caídas a persoas que camiñaban pola zona.
- Cravos oxidados sobresaíndo do chan, con risco evidente de lesións.
- Maleza cubrindo boa parte do camiño, que debería ser accesible.
- Elementos patrimoniais coma as Salinas do Seixal ou a Fonte de Santa Catalina esquecidos, cubertos de herbas, sen limpeza nin posta en valor.
“Non só non cumpren o que prometeron. Estano facendo peor ca nunca. O abandono é tal que esta senda, que conta co distintivo de Sendeiro Azul e transcorre por unha zona que forma parte da Rede Natura 2000, corre serio risco de perder o seu valor e incluso de comprometer a súa continuidade como espazo recoñecido”, afirman dende o PSOE da Guarda.
A moción presentada polo grupo socialista recolle catro medidas básicas que o goberno debería estar aplicando desde o primeiro día:
1. Reparación urxente de todas as táboas en mal estado e eliminación de cravos que podan sobresair das táboas.
2. Limpeza inmediata da maleza e da vexetación que invade a senda.
3. Adecentamento dos elementos patrimoniais que se atopan ao longo da senda como por exemplo as Salinas de Seixal ou a Fonte de Santa Catalina.
4. Posta en marcha dun plan anual de mantemento, con revisións periódicas, limpeza, sinalización e posta en valor do patrimonio asociado á senda.
“Non é unha cuestión de estética, senón de seguridade e responsabilidade institucional. Estamos falando dun espazo que usan centos de persoas a diario, e que forma parte da imaxe que damos como vila turística. Un goberno que deixa que isto pase, ou non ten interese ou non ten capacidade”, conclúe a portavoz socialista Fátima Rodríguez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario